Tribuna Viva
En memoria de D. Jesús Acuña Garrido (párroco de Lourizán)
Estimado D. Xesús:
Comunícame a noticia do seu pasamento unha benquerida amiga de ámbolos dous. Aínda que era unha nova agardada nestes últimos anos, neste momento de pandemia presentouse con máis tristura se cabe. Confórtame que estivese acompañado dunha persoa moi querida.
O día anterior celebrouse a 'Santa Margalida' no pequeno pobo de Bagergue no noso querido val de Arán. A través de medios telemáticos puiden ver a cerimonia na pequena capela románica e pensei o que gozaría vostede oficiando en galego a dita celebración naquelas bonitas montañas en canto do aranés. Foi un pensamento curioso que agora cobra máis razón de ser.
Poderíamos falar de moitos temas pero eu quero recordalo, tanto no meu nome coma no de moitas persoas que me animaron a facelo, polo seu traballo socio-comunitario na nosa parroquia de Lourizán; aínda que Vilaboa, a súa localidade de nacemento, estivo sempre moi presente na súa vida.
Quero agradecerlle que nos mostrara físicamente os lugares mais emblemáticos da nosa comunidade, nos ensinara a súa historia e nos instara a defender a nosa lingua e costumes, así como coñecer o resto da terra galega e outras comunidades. Tamén, que nos animase a estudar, ler, viaxar, a coidar da familia e a traballar e ser “xente de ben”, valorar o arte e o medio ambiente.
De pequena non entendía ese interese por ir recoller os regalos de reis a parroquia ou porque un agasallo para vostede desaparecía. Co tempo decateime de que os reis magos non podían facer reparto equitativo en tódalas casas, salvo o pouquiño que fose na parroquia, e que eses regalos materiais acababan en mans de outros homes que non tiñan unha peza de roupa para pasar un inverno.
Grazas por acompañarnos en momentos bos pero tamén en momentos malos. Compartimos momentos bonitos como nacementos, vodas, festas... pero tamén momentos malos como accidentes graves, enfermidades incurables, mortes traumáticas. En todos eles, nos visitou e acompañou. Queda pendente despedirnos de vostede como nos gustaría a moitos de nos, reuníndonos, abrazándonos, chorando e recordando, pero tamén rindo e compartindo dende o respeto e a fraternidade.
Gostaríame por último enviar no meu nome e de outras moitos membros da parroquia, o noso amor e agradecemento a tódalas persoas que estiveron coidando de vostede ata o final: a súa familia de sangue pero tamén máis familias de corazón (familia Dapena, Cándido e Loli, Mª Jesús e familia… e moitas outras persoas que farían unha lista interminable) e a toda a comunidade parroquial.
GRAZAS, GRAZAS INFINITAS e como ben dicía vostede "arriba, arriba…", quizais voltemos a vernos pronto por terras aranesas porque na nosa parroquia continuará SEMPRE PRESENTE.
M. Couso, veciña de Lourizán