Manuel Pérez Lourido
O gafe do Gafos
O río dos Gafos ten un gafe enriba que fai que sexa un río contaminado e laico. Se o río dos Gafos fose un río sagrado coma o Ganges: 1- non estaría soterrado 2- non habería que coidarse de limpalo e poderíase encher de lixo a eito 3- acabaríamos facendo estampiñas coa súa imaxe. Pero é o Gafos un río laboratorio: un río onde probar os nosos máis ferventes instintos ecoloxistas. Fixen a ruta dos Gafos hai un tempo e puiden admirar o tremendo traballo de Vaipolorío na contorna. Foi literalmente un traballo de merda: a que tiraron do leito e das marxes en cantidades industriais: 1700 kilos en xullo do pasado ano, parte dela exposta despois no cilindro de Alcalde Hevia.
Porén, este debate recorrente sobre a posibilidade de descubrir o río ao seu paso por Campolongo paréceme una broma amable, desas que se fan máis por chiste que por amolar. En primeiro lugar, poñerse a gastar carto público en destapar algo que está moi ben tapadiño, non se queixa, non cheira, non se mira, non se nota, semella fachendear de máis nestes tempos non que xa ninguén fachendea se non é ministro de Educación. Eu dixen "fachendear": non fagan xogos de palabras. Só pode explicar esta recorrente teima un xeito de furor ecolóxico, que é un furor coma outro calquera. Talvez escoitaran falar do furor uterino, pois ben, aquí trátase de sacar ao Gafos dun útero de baldosas e pavimento para dar a luz a unha fermosa pero esmirrada criatura que fará as delicias dos pontevedreses e pontevedresas que paseen por Campolongo. Un tramo do río que deixará abraiados aos visitantes da nosa vila, despois de beber ao pasar por ela, que marcharán coa mente máis aberta, como se as súas augas emanasen LSD (e como se o LSD se puidese inhalar).
Sendo máis de destapes que de descubrimentos, maniféstome en contra de ambas cousas con respecto ao paso do Gafos por Campolongo. Non vou caer na vulgaridade de presentar argumentos para xustificar a miña escolla, nomeadamanete porque non os teño: simplemente paréceme que o río está ben como está. Disque de aquí a un ano xa se poderá comezar a pensar en ter o río limpo. Disque hai unha enchente de augas pluviais que chegan á rede de fecais e fan que desborden. Disque, disque... remato dicindo que son un violento defensor dos ríos, das augas dos ríos, das augas con gas e do tute cabrón. Pero fáiseme prurito ecolóxico este debate por converter este tramo do río en estanque lineal, acuario horizontal ou regato capitaliño.
17.07.2013