Marta Rodríguez Engroba
Son eu a única que non entende nada?
Moitas veces dixen, e con total convencemento ademais, que teño claro que eu teño unha certa tendencia a ir contra corrente.
Hai quen dí que isto é bo, que son fiel aos meus principios, e outros, os máis, que sosteñen que o meu son ganas de amolar, de dar a nota, que non son quen de adaptarme a maioría e pensar e actuar "como é debido".
Non son eu a máis adecuada para valorar cal das dúas apreciacións é a máis válida, pero seguramente ambas partes terán algo de razón, malia que si é certo que o de ser fiel aos meus principios é algo que me caracteriza, para ben e para mal, porque máis dunha vez isto é fonte de problemas, pero tentar actuar do xeito contrario non é para min unha opción, e non o digo coma un mérito, se non porque se hai algo máis que debo recoñecer é que son demasiado transparente, e gardar a compostura, por máis que o intente, cando se trata de algo no que non creo, é para min imposible.
A miña cara, a miña expresión, falan por si soas.
Un problema, certamente, nos tempos que corren, malia que os anos me foron dotando dunha certa prudencia que fai posible que as veces, co fin de evitar males maiores, polo menos, cando a ocasión o require, cale, pero, en honor a verdade, non sen esforzo.
E, por suposto, isto non mudou nesta terrible situación que o coronavirus nos está a facer vivir, e non estou a falar tan só do eido da violencia de xénero, que é o que me afecta de cheo, que tamén, se non que vou moito máis alá.
Desde que se declarou o estado de alarma e nos atopamos confinados nas nosas casas, estou farta de ler, de escoitar, moitas manifestacións que fan que semelle que, en vez dunha pandemia que se está cobrando vidas e máis vidas, e que posiblemente deixará as de prácticamente todos trastornadas, estamos a vivir unha especie de terapia, ou experiencia pouco menos que mística, que, ainda por riba, imos ter que agradecer.
A que semella ser a aseveración "estrela", e que é, para min, digna de analizar, é que esta crise está a sacar o mellor de nos... Seguro?
Porque lamento dicir que eu non acabo de percibilo.
Comezando polos nosos políticos, que semellan xogar coa nosa saúde, que a utilizan sen pudor algún coma ferramenta política, facendo alianzas ou rompendoas,según conveña, e solicitando prolongar ou rematar o estado de alarma en función dos seus intereses, chegando nalgún caso, a supeditar as graves consecuencias que unha decisión errada pode implicar, e que se contabilizará en vidas a, por exemplo, a convocatoria dunhas eleccións.
É tal a ansia de poder, que si é preciso adiantar pola dereita, malia que máis dunha vida o pague, o mesmo dá.
Tamén me fai dubidar, por dicilo suavemente, de tanta "bondade", esas reivindicacións de axuda a empresas, a industrias, que, ollo!, que ninguén me interprete mal, me parecen estupendas, e moi necesarias, pero que esquecen os máis vulnerables, contándonos, si, unha serie de medidas creadas, seica, para que, como eles din, ninguén se quede atrás, pero que vai deixar a moitos, aos máis vulnerables, de feito, non atrás, se non directamente fora, e, en calquera caso, aqueles "afortunados" que se vexan bendicidos coa inclusión no grupo dos "afortunados" terán, ademais de armarse de paciencia para pelexar coa farragosa burocracia que lles agarda e que vai decidir en última instancia se cumplen ou non cos requisito esixidos, que tentar, mentras tanto, facer máis dun milagre para sobrevivir durante a espera, porque o tempo para a resolución non vai ser curto.
Se hai algo que sexa obrigado "blindar" neste pais noso, é a acreditación de vulnerabilidade, e quen, namentres, non teña recursos para sobrevivir, que se console pensando que esta experiencia está, insisto, dín moitos que a sacar o mellor de nós, e iso non dá de comer, pero, como hai que ser positivos, hai que pensar que tampouco engorda, unha das grandes preocupacións de moitos durante o confinamento, e que, por suposto, se evitan todos aqueles que están a vivir o illamento sen recursos e non se poden permitir nin mercar un chusco de pan.
Tamén chaman de xeito especial a miña atención todos aqueles cidadáns, mesmo familias, que aparecen en diversos medios de comunicación e se prodigan en redes sociais contándonos canto agradecen esta forzosa pausa que o coronavirus nos obrigou a facer nas nosas vidas, porque, ademais de aprender a cociñar auténticas delicatessen, ler con total concentración media Biblioteca Nacional e aumentar, en consecuencia, coñecementos ata límites que nunca imaxinaron, estreitar lazos coa familia, os que conviven con ela, ata volvelos indestrutibles, e todo, por suposto, en perfecta e idílica harmonía, sair ás ventás e balcóns a aplaudir, compartir vermú,ou mesmo botar un baile, según a hora, descubrindo que os seus veciños son o máis, exercer de politólogos, todo isto, por suposto, deixando a pertinente testemuña gráfica, ainda están a ter tempo para atoparse a si mesmos, e descubrir que son felices, moi felices!.
Eu teño que confesar que estou nas Antípodas, porque, por moi confinada que estea, a cociña nunca foi a miña afección preferida, e segue sen selo.
Tampouco é que a odie, e, lóxicamente, teño que facelo, se non quero morrer de inanición, pero, francamente, non vexo a necesidade de sacarlle a foto a tortilla de patacas e ensinarlla ao mundo... Eu que sei, cousas miñas!.
Pola contra, son unha apaixonada da lectura, e, en circunstancias normáis, boto de menos non poder dedicarlles tempo a eses libros que vou amontoando, pero, curiosamente, agora que podería facelo, a inquietude, a incerteza, o medo, porque si, eu teño medo, non me permiten concentrarme en condicións.
Non critico, faltaría máis!, a quen tenta evadirse do mellor xeito posible e axudar a que os demais o fagan organizando o máis parecido a unha festa, pero, francamente, cando acabo de escoitar, un día máis, o número de falecidos, de contaxiados, e de aplaudirlles aos sanitarios que se están a deixar a pel e ata a vida en moitos casos, por salvar as dos demais, por máis que o intente, non son quen de cambiar o chip así, de repente, e poñerme a bailar ou a cantar coma se estivese de verbena.
Sintoo, o problema será meu, seguramente, pero é algo superior as miñas forzas, e non son eu unha persoa especialmente pesimista, mai ben todo o contrario, pero hai xeitos de xestionar as situacións que nin controlo, nin comparto. Por suposto que os respecto, pero non van conmigo, sobre todo se me paro a pensar que, ao mellor, mentres a música soa a todo volumen e a xente baila nos balcóns, algún deses veciños que non se asoman, acaban de perder a alguén por mor dese virus que os demais desafían a golpe de música canto máis alta mellor, ou tal vez sexan eles os afectados.
E tampouco me atopei a min mesma, nin aprendín a coñecerme mellor, nin moito menos acadei esa paz ou ese estado "zen" que para moita xente foi todo un descubremento.
Continúo sendo a mesma, pero nerviosa, inquieta, botando de menos aos que quero e non podo ver ou darlles unha aperta, con temor ao que está por vir, que non é unha cuestión menor, e non soamente no eido da saúde, e unha vez máis pido desculpas, pero non podo empatizar con aqueles que están sufrindo polas vacacións, ou por non poder viaxar.
A min preocúpame bastante máis ese máis que probable repunte que nos anuncian, as vidas que ainda se seguen perdendo cada día, os contaxios e algo máis, a irresponsabilidade, o incivismo, daqueles que se están a saltar a toreira toda precaución, ignorando as normas que nos están a dar, invadindo rúas, non respectando franxas horarias, formando grupos con xente coa que non conviven, poñéndose en risco non soamente eles, que, en definitiva, dada a súa inconsciencia, sería o seu problema, se non a todos os demais, que temos que tragar coa súa burramia, a miseria a que moita xente se vai ver abocada, a perda de empregos, se a nosa saúde se vai ver de novo ameazada....
Si, estou moi preocupada, e creo que con motivos máis que sobrados.
Por iso, unha vez máis, me asalta a dúbida, unha dúbida que non me é allea, pero que, nesta situación cobra especial relevancia, de se son eu a única que non entende nada.
Asociación Si, hai saída