Marta Rodríguez Engroba
Ver o argueiro no ollo alleo e non ver no seu o fungueiro
Un novo capítulo do "e vos máis".
Xa estaba tardando, pero ao final chegou.
Non falla.
Se en algo non defraudan os políticos que nos tocaron en sorte, o mesmo me dá a cor que luzcan, é nese bochornoso puxilato co que nos "agasallan" cada vez que se reunen, supostamente para arranxar o que está a ir mal neste pais, especialmente cando se está a vivir unha situación tan dolorosa coma a actual, e que o único que deixa en evidencia é unha sede tal de poder, agás rarísimas excepcións, que chega un momento no que mesmo esquecen o papel que deben interpretar e que se supón que nos, cidadanos, temos que crernos sen pestanexar, para amosar sen o máis mínimo pudor, a súa verdadeira catadura.
Se hai un eido no que isto se fai especialmente evidente é no da violencia de xénero, no que a utilización desta arrepiante plaga, das súas vítimas, ocupa desde hai moito tempo, e todo indica que así seguirá a ser, a "pol position" do oportunismo, da falta de escrúpulos para manexar a dor, e tamén, todo hai que dicilo, da falta de interés por coñecer a realidade de quen a vive, e tentar buscar, porén, solucións acordes as súas circunstancias, algo que, a vista está, nin se contempla.
Do que se trata é de dar sonoros golpes de efecto. O resto non interesa, nin a quen os protagoniza, na procura, obviamente, do seu beneficio, nin a maioría da sociedade, que prefire comungar con rodas de muiño, facer que cre na súa efectividade, e seguir adiante sen complicarse a vida, porque, mentras non toque na propia pel, o contrario, implicarse e esixir verdades e, o máis importante, resultados, soamente son ganas de buscar problemas sen necesidade, non si?
E a semana que remata non foi a excepción.
O pasado mércores, cando ainda apenas comezara a tarde, algúns medios de comunicación e as redes sociais recollían ou, mellor dito, case ardían, contándonos a "ópera bufa" que, unha vez máis, se representara no Congreso, e que, se non fose porque custa vidas e dor, moita dor, sería para rir ata as bágoas.
Os titulares proclamaban a negativa de Vox, a que se engadíu o PP, a apoiar o Decreto Lei que, protexe, din, as vítimas de violencia machista durante a pandemia, ao tempo que as forzas que gobernan, as que daba voz a ministra de Igualdade, e algún sector de certo feminismo que, por fin, e por un rato, breve, eso si, espertaron desa longa sesta que semellan estar a durmir desde que o estado de alarma foi decretado, se rachaban as vestiduras ante a negativa a adoptar esas medidas......urxentes!.
Ten bemoles a cousa!.
E, neste punto, si que teño que respirar fondo e contar bastante máis alá que ata dez, para tentar conservar a calma, reprimir a indignación, e facer o posible para expresar coa debida moderación a indignación que sinto.
En primeiro lugar, hai que ter o que queira que teñan, ben grandes, e desculpádeme a expresión, para cualificar estas medidas de urxentes, por non falar da súa algo máis que cuestionable efectividade, algo lóxico dado que, coma sempre, están baseadas en teorías daqueles que terán moito estudos, non digo que non, pero moi pouca idea do que é a realidade, a durísima realidade, da violencia de xénero.
Mal imos cando prácticamente o cen por cen destas medidas, por chamarlles algo, radican en chamar a unhos números de teléfono, ignorando a premisa máis elemental de que o primeiro que un maltratador confinado coa súa vítima, case con toda probabilidade, vai facer, é impedirlle facer uso do teléfono, ou mesmo llo vai quitar.
En segundo lugar, é sinxelamente indecente que tivera que transcurrir mes e medio de confinamento para que, deixando aparte, insisto, a efectividade de tales medidas, se aprobaran as mesmas, cando de todos debería ser sabido que, no que atinxe a violencia machista, cada segundo é vital e pode implicar, e, de feito, implica, a diferencia entre salvar unha vida ou condenala de xeito irremediable.
E que non se lles pasa pola cabeza, porque de sentimentos, de sensibilidade, xa nin falamos, o inferno que supón cada día para unha muller confinada confinada co seu maltratador?
Non son quen de tomar conciencia do tremendo perigo que corren non soamente elas, se non, en moitos casos, tantos menores, illados cun malnacido, cuxa agresividade vai medrar de día en día?
En qué mans están estas mulleres, os seus fillos?
E ainda teñen a cara dura de dicir que os están a protexer?
Pero claro, saben tanto, que non teñen a necesidade, nin, menos ainda, a humildade de escoitar aos que lles poderían transmitir o que de verdade precisan, o que de verdade lles axudaría a sobrelevar un pouco mellor ese inferno que lles está a tocar vivir, ou mesmo quen sabe se a salvar as súas vidas.
Por outra banda, de novo tivemos que escoitar as súas expresións airadas e indignadas ante a falta de apoio de Vox, neste caso secundada polo PP.
E eu pregunto, a qué ven tanto rebumbio? Por qué se alporizan tanto?
Se a alguén lle produce auténtico noxo a postura de Vox ante a violencia de xénero, e, por suposto, a min, pero a súa postura non me provoca sorpresa ningunha.
Se algunha virtude se lles pode atribuir, e o de virtude é porque dalgún xeito hai que denominala, é a coherencia neste eido.
Non fan máis que reafirmarse na súa incualificable postura, noxenta, si, pero a súa e como tal a defenden e a amosan abertamente.
Acaso son mellores, ou máis dignos, os que din facer, debullan teoría tras teoría, e non pasan de ahí, de facer que fan?
E isto é algo que se fixo especialmente evidente desde que a pandemia chegou.
A violencia de xénero semellou desaparecer do mapa, foi, e está a ser obviada prácticamente todos e cada un dos días, nos que se informou de canto estaba acontecendo, das medidas que se estaban a adoptar, agás neste eido, e se algunha vez se fixo, moi de pasada, foi para contarnos algunha fazaña, coma o elevadísimo número de detencións que se estaban a levar a cabo, ao máis puro estilo "somos boísimos e o sabedes", pero sen que ninguén nos explicara, en ningún momento, como estaban a funcionar as medidas adoptadas, en que circunstancias se produciron a maioría desas detencións, se está a evidenciarse un repunte da violencia machista desde que o confinamento foi decretado, que lles agarda a moitas destas mulleres cando o estado de alarma remate, sen recursos, desprotexidas... nada, mutismo total.
Dito doutro xeito, o mesmo que Vox, neste caso por omisión.
A única diferencia é que eles manifestan abertamente os seus desprezables principios, e, desde logo, é isto algo, como xa sucedeu en ocasións precedentes, que saben manexar maxistralmente, xa que os que se consideran seus detractores, están, unha vez máis, a facerlles unha estupenda campaña.
En canto ao PP, que claramente están a exercer unha feroz estratexia de oposición, poñendo cantos paos poden nas rodas, qué agardaban, que lles aplaudiran?
E repito a pregunta, realmente se consideran tan diferentes?
Porque, eu, o único que vexo é unha egolatría, un afán de poder desmedidos por parte de todos eles, sen excepción, e unha "preocupación" pola violencia de xénero, polas súas vítimas, que soamente teñen en conta a hora de utilizala ao seu favor.
Así de claro, e así de real.
Lamento dicilo, porque é algo que repercute nas vidas de todos nos, pero, señores políticos, son vostedes o exemplo vivinte de ver o argueiro no ollo alleo, e non ver no seu o fungueiro.
O peor é que todos pagamos as consecuencias, e as vítimas de violencia de xénero, seus fillos, os que máis.
Asociación Si, hai saída