Tribuna Viva
Juan García: Unha testemuña en latín sobre a peste na Pontevedra do século XVI
Considero de interese un - pouco coñecido- relato da peste que asolou Galiza en boa parte da segunda metade do século XVI. Trátase do texto escrito en latín polo xurisconsulto Juan García de Saavedra, unha das voces destacadas do ambiente humanista naquela Pontevedra, segundo nos transmite Juan de Guzmán, o tradutor das Xeórxicas de Virxilio. Este sevillano, tamén autor dalgún tratado literario, que fora discípulo de figuras como Juan de Malara ou o Brocense, e que viñera a esta terra nosa para estar ao fronte da Cátedra de Retórica, é quen nos dá a coñecer ditas referencias da cultura local, ao mencionar, ademais de a García, a Felipe de Montenegro, promotor da obra e mecenas seu, Alonso de Vega, rector de Santa María, o "racionero" Juan de Lis, os licenciados Valladares ou Rodrigo de Pazos etc. Pontevedra é, así, un "pueblo tan fecundo de buenos ingenios y habilidades". Guzmán vai vivir na nosa vila seguramente ata 1586, quizais nunha das casas da Feira Vella doada por Alonso Gómez, párroco de San Martiño de Salcedo e fundador da preceptoría. Aquí traballaría na obra virxiliana e nas "notacións" que acompañarán á tradución.
Juan García escribiu varios textos de contido xurídico. Del afirma o citado Guzmán: "Pues qué diré de otro licenciado Juan García, Fiscal de su Magestad en la Chancillería de Valladolid, el qual por su virtud y letras ha venido á esto, y vendrá a más, si la vida le ayuda: el cual entre los gallegos fue el primero que con facundia cual de otro Ulpìano, o cualquiera de aquellos grandes jurisconsultos antiguos, rompió el silencio al derecho civil, según lo mostró en el tratado De Expensis et Meliorationibus: el cual por su Magestad estuvo nombrado por Presidente de México y, por causas que tuvo, suplicó fuese dejado estar en la plaza que tenía".
Da súa obra, efectivamente, sobresae De Expensis et Meliorationibus omnibus causarum patronis, et in foro, ac in schola versantibus utilissimus, divulgadisima nesa época se atendemos as continuas edicións de Compluto, Amberes, Amsterdam, Madrid, Marpurgo, Lyon…. Nela, onde aparece sinalada Pontevedra como berce do autor ("patria mihi carissima"), ofrécenos información do impacto e afección da peste en Galicia nos anos sesenta e setenta. En concreto, no capítulo VIII, a raíz dos comentarios que deita sobre o dereito antigo en relación cos "sepulcros" en canto a cuestións como dominio, posesión e uso, atendendo a razóns de peste ("propter pestem"), conta como esta procede de Cantabria, chega ao Grove e se estende por toda Galiza: Coruña, Santiago, Ourense, Pontevedra (no ano 69), Tui, Noia, Betanzos, Ribadavia, Lugo son os lugares sinalados por el (xunto a explicacións destes topónimos con base na mitoloxía ou historiadores, p.ex. Estrabón) afectados nos seus días por ese episodio mortífero e terríbel, un de tantos do reinado de Felipe II. En palabras súas: "puta pestis…quod factum est apud nos his diebus, quibus tota Gallecia exitiali morbo epidemiae laborat". Como se sabe, a epidemia voltará pouco despois con virulencia, despois dunha maina ("quiete") paréntese do ano 74. Recorrendo aos famosos monstros mariños, pasouse dunha situación calamitosa a outra igual de nefasta, deixouse Escila e presentouse a devastadora Caribdis ("relicta Scylla, incidimus in vastam Charybdim", di), iso si, agravada pola miseria e a fame.
É oportuno, asemade, referir que o léxico usado e mesmo o guión co que se desenvolve a propia narración de Juan García (os termos da peste, como "id malum", "dira lues", "morbus", é dicir, o "mal", a "funesta epidemia", a "enfermidade", ou a extensión do contaxio, como "inuasit") conéctannos cos rexistros que a tradición clásica recolle nos seus textos. Lembremos que na impresionante descrición que fai o grego Tucídides da peste de Atenas atopamos tamén, respectivamente, vocábulos equiparábeis: "tò kakón", "loimós", "nósos". Por máis que as etioloxías e peculiaridades da pandemia non coincidisen, aínda así vemos que a estampa é prácticamente igual. Vémolo na Tebas apestada do Edipo Rei de Sófocles. E tamén nos textos hipocráticos. A literatura romana recollerá o mesmo. Recomendo a lectura de Lucrecio, o libro VI do De rerum natura, no que podemos ver mutatis mutandis situacións e emocións tan actuais como as que nos atemoriza, e tanto, o COVID-19. Desta devastadora enfermidade ("morbus"), píntase un cadro no que se salienta a febre mortífera ("mortifer aestus") que se estende polo corpo como o lume; a dificultade na respiración ("creber spiritus aut ingens raroque coortus"); a falta de recursos e de solucións para curaren a toda a xente danada ("nec ratio remedii communis certa dabatur"); tantas mortes ("ita acervatim mors") e a soidade ("desertos") e ausencia de quen acompañe na dor ("incomitata"). Unha fotografía que se repite na incríbel peza creada por Ovidio en Metamorfoses VII,523ss, ao amosarnos a peste aniquiladora da illa Exina, para a cal non había remedio ("utile enim nihil est"). Algo que vemos tamén no Edipo de Séneca ("morren os médicos", "cadunt medentes") ou na Farsalia VI,80ss de Lucano, onde usa a propia palabra "virus" e anota que faltan quen choren os mortos ("qui lacriment, desunt"), etc.
Uns temíbeis escenarios que se deron históricamente en moitos momentos, con diversos tipos de epidemias e doenzas, mais que responden a unha mesma pauta: a do medo e o desacougo orixinados polo descoñecemento dese "maligno dardo" –dicía Homero, en Iliada I, referido a Apolo, o causante da peste no campamento grego pola aldraxe feita por Agamenón e a conseguinte "xenreira" (en palabras de Evaristo de Sela) de Aquiles- que vai estendendo o contaxio ata derivar en morte, como afirmará o historiador Amiano Marcelino ao facer memoria dos emperadores Marco Aurelio e Lucio Varo, canda a epidemia "globalizada" dos Antoninos –custoulles a vida-, ben avanzada a segunda metade do século II, tras a guerra de Roma contra os partos, en tempos de Galeno, o médico por antonomasia. Noticia, por certo, da que se fai eco Luciano, no opúsculo Como se debe escribir historia 15. Unhas ideas que tamén recolle, como non podía ser doutro xeito, Isidoro no libro IV, titulado "De medicina", das súas Etimologiae, esa magna recompilación do saber antigo. Aí, no capítulo sexto dedicado ás enfermedades agudas, "de acutis morbis", expresa a rapidez do mal, coma se fose un incendio ("veluti incendium").
XOSÉ ABILLEIRA SANMARTÍN