Tribuna Viva
As librarías sofren a competencia desleal dos centros de ensino concertados
Comunicado da Federación de librarías de Galicia
Chegada esta época numerosos centros de ensino da comunidade, principalmente os privados concertados, cambian a actividade para a que están facultados, a ensinanza, para converterse en librarías ilegais mentres dura a campaña de venda dos libros de texto, en confrontación aberta coa lexislación comercial e coa función educativa para a que están constituídos.
Con total impunidade estes centros realizan unha actividade comercial pola que non tributan, nin están autorizados, sendo unha competencia desleal ás librarías legalmente constituídas que cumpren os requisitos legais esixidos: emisión de tíckets, alta na seguridade social e contrato laboral das persoas que se dedican a esta actividade, declaración e liquidación de IVE, exhibición do cartel anunciador da dispoñibilidade de follas de reclamación, apertura ao público en xeral ...
Os centros de ensino non cumpren con ningunha desas obrigas e o beneficio que obteñen pola venda dos libros non se declara, polo que todo é ganancia para o centro, o único requisito que cumpren é ter un alta nun epígrafe do Imposto de Actividades Económicas, requisito que, por outra banda, podería ter calquera autónomo ou empresa que o solicite en Facenda.
O negocio da venda dos libros de texto para os centros de ensino concertados é un negocio redondo, porque teñen os clientes asegurados, compran unicamente os libros necesarios, polo que non teñen stock sobrante, fan todo o negocio en quince días, non teñen que contratar persoal nin necesitan un local axeitado que cumpra con toda a normativa vixente e, por riba, non pagan impostos sobre o beneficio que obtiveron nas vendas, xa non declaran os ingresos.
E por se isto fora pouco, agora os centros concertados tamén xestionan os vales para libros de texto e material escolar que a Xunta de Galicia outorga aos pais e nais dos alumnos que son beneficiarios das axudas para a gratuidade dos libros de texto. Deste xeito os vales que os colexios deberían entregar aos alumnos para que estes libremente os canxearan nunha libraría a súa elección, xa son canxeados directamente polos centros de ensino, e posteriormente facturados e cobrados a Xunta de Galicia. Tan doado se debe ver o negocio do vales que este ano tamén algunhas ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) se están organizando para xestionar os vales de xeito agrupado, algo que pode ser considerado un delito.
E na mentres os centros concertados se dedican ao negocio das librarías, as librarías están pechando día a día na nosa comunidade, porque o descenso no consumo unido a esta competencia totalmente desleal, fan que os libreiros autónomos non poidan sobrevivir co escaso negocio que lles queda o resto do ano.
Dende a Federación de Libreiros de Galicia estamos loitando dende fai moitos anos por este intrusismo profesional, e contamos incluso con sentenzas do Tribunal Supremo que declaran ilegal este tipo de vendas por parte dos colexios. Pero, aínda así, seguen sendo moitos os centros de ensino concertados que están actuando a marxe da lei, grazas ao escaso interese que amosa a Xunta de Galicia por solucionar este conflito.
Na actualidade temos presentadas decenas de denuncias ante a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, que aínda seguen pendentes de resolución por parte da asesoría xurídica da Xunta, se ben, as denuncias levan no seu poder dende xuño do ano pasado.
22.06.2013