Pedro J. Peón Estévez
Non dés a esquecemento
Parece que foi onte pero este luns 10-02-2020 cúmprense 61 anos da brutal represión perpetrada polas forzas represivas da dictadura franquista no areal marisqueiro de Lourizán, na ría de Pontevedra.
Foi unha loita desigual. Por unha banda estaban elementos do goberno golpista tales como policías de varios corpos, efectivos da Armada provistos de Máuser con baioneta e, por se isto fose pouco, o buque canoneiro Hernán Cortés apoiábaos na retagarda. E todo este fenomenal continxente só para reprimir homes, mulheres e nenos desarmados, desesperanzados, aterrorizados que só defendían o seu pan, ese mesmo pan que lhes foi arrincado da boca polos okupas celuleiros.Eses mesmos berradaores de rúa que van dicindo cada pouco: "co pan dos nosos filhos non se xoga!".
Lembrade sempre esta data: 10 de febreiro de 1959, día da entalhada. A entalhada é unha arte de ribeira que consiste en cravar unha ringleira de estacas no areal coa marea baixa e pendurar unha longa rede entre elas. A marea alta cobre este cerco e, cando volve baixar, algúns peixes fican atrapados en seco. Pero naquel negro día de 1959, os paus da entalhada fascista estaban rematados por bandeirinhas de Espanha que, como símbolo sacro, non se podían tocar. Naquela cruel entalhada non caeron peixes,non. Caeu o sofrido povo de Lourizán. A policía franquista usou o muro de contención da futura celulosa como improvisado vieiro e cargou nos furgóns ducias de mariscadoras. Moitas xa non están entre nós pero aínda estan aí os seus expedientes se limpar malia teren toda a razón do mundo. A entalhada do 59 foi unha encerrona…melhor dito, unha ENCErrona.
Que fácil é todo cando se dispón de poder absoluto! Basta dragar area dun banco marisqueiro e vertela entre dous "vieiros" sen rematar (avenida e ferrocarril), encanhar a auga do Lérez e que o INI faga os garigolos e…a vivir!
O dito: non dés a esquecemento. Os de Lourizán sempre nos vimos sós ante as agresións; sabemos a quen temos. Pode que outros sufran amnesia ou se fagan o “longuis” pero nós temos unha memoria excelente.