Pedro J. Peón Estévez
Víctor o das rás
"Estaba Xenoopus Laevis sentada cantando debaixo da auga, cando a Xenoopus se puxo a cantar"... veu Lancelot Hogben e inxectoulhe mexo de prenhada na chepa e así, de cagalhón, inventou o test de embarazo, máis conhecido por "proba da rá" que tanto se estilou aló polos corenta do pasado século.
Este método utilizaba anuros femia. Os ourinhos das embarazadas contenhen a hormona GCH (dito así, en siglas, pode parecer algo incomprensible, máis se dicimos Gonadotropina Coriónica Humana, a cousa aclárase bastante). Se a inxección desta hormona baixo a pel da rá, provocaba nela unha ovulación e posterior desove nas seguintes 24 horas, o test considerábase positivo. Corrían os anos trinta, primeiros corenta.
Alá por 1947, na Arxentina, alguén descubriu que inxectando a mesma hormona en batráquios macho, estes exaculaban en tres horas. Era o sistema Mainini e o sapo usado atendía por Rhinella Arenarum. Pero tamén ía de marabilha o batráquio verde da xunqueira de Gandarela. E aquí é onde entra o noso benquerido Víctor Fernández.
Víctor "o Candeán" era amigo do meu irmán maior. Eu chamábalhe Víctor o das "arráns". Vivía en Campolongo, era carpinteiro de profesión e cazador de rás no tempo libre. Non se sabe de que xeito contactou co laboratorio de Vigo que lhe mercaba as rás (só machos) a cinco pesetas unidade, un pequeno capital naquel tempo. Eu tiven a sorte de velo en acción. Atraía á víctima emitindo un reclamo perfeito coa boca e cando a rá choutaba na poza, seguíaa con olhar fixo a traveso da auga. O animal agochábase no fondo, variando a traxectoria baixo o lodo, pero de nada lhe servía. Victor cazaba por experiencia, por instinto, e non falhaba nunca. Utilizaba o "ferrobús" para entregar a sua mercaduría en Vigo metida en latas da cera coa tampa perforada. Nas viaxes de cercanías usaba unha velha bicicleta e levaba as latas no portapaquetes amarradas con gomas. Como daquela cando atravesaba a praza da Estación -hoxe de Galiza- e as gomas soltáronse caendo as latas no adoquinado onde algunhas abriron deixando a rás ceibes que fuxían en tóda-las direccións choutando pois parecían non ter moito interés en asimilar pis de embarazada. Quen vía a Víctor recolhendo batráquias pola praza adiante ata xuntalas todas! Ou cando foi ó cine Coliséum. Deixou a bici candada nunha farola e levou as latas para o "galinheiro" coa colheita do día. Coa calor da calefacción axinha os animalinhos comezaron a cantar armando un escándalo maiúsculo. Víctor tivo o tempo xusto de colher as rás e fuxir para fóra ante as ameazas do acomodador.
O "predictor" veu arruinar o negocio de Víctor que emigrou para Suíza á encantadora vilinha de Buttes. Alí, en Verisia SA fumos companheiros de trabalho co meu irmán Xosé, Xosé Montes e Manuel Fernández e outros colegas doutros países.
Unha sentida lembranza para Xosé Peón, Víctor e Manuel. Tamén para Louis Maurice Lebet, onde queira que estean.