Antón Roel Villanueva
O Gorgullón, murmuran as augas?
Velaí recén remodelado o vello barrio do Gorgullón que sempre foi camiño de paso.
Primeiro por alí pasaba a calzada romana a vía XIX, logo paso de peregrinos camiño de Compostela.
Na nosa infancia era, como o noso barrio da Virxe do Camiño, un camiño de terra cheo de leiras e fochancas á beira do río dos Gafos que compartiamos en boa veciñanza. Eles tiñan a zona do meandro do muíño do Coto ata antiga pontella dos Pasais e nós desde Ponte Boleira ata a ponte da Taboada.
Todos os veciños mesturados en boa veciñanza atopabamos nos muíños e lavadoiros lugares de encontro na contorna do río. Os cativos agatuñando polas árbores para cortar ramas para as fogueiras polo san Xoán e leña para as cociñas, apañábamos froita nas árbores froiteiras que brotaban ventureras nas beiras, gallas para facer tiracroios e canas dos canabales para pescar.
Dese recuncho colliamos todo o necesario para facer os Maios. No tempo da calor foi nosa zona de baños. Da vía do tren colliamos o carbón para as lareiras.
No noso barrio tiñamos un cruceiro e un muíño de vento e eles a cheminea da Curtidoira, unha fonte e un equipo de futbol conxunto O Avenida. Non tiñamos máis pero para nós era o paraíso.
O río dos Gafos e o paso do tren á beira dos dous barrios foron o nexo que nos unía.
Se non fose polo río seriamos un suburbio máis da cidade.
Unha ponte de pedra facía de fronteira cando xurdía unha liorta entre cuadrillas.
Despois taparon a vía do tren e xurdiu a moderna rúa de Eduardo Pondal e e Gorgullón abandonado á súa sorte esmoreceu. Só os veciños e peregrinos de paso sabían del. Pasou a ser patio traseiro e saída de coches da nova rúa.
Agora o Gorgullón renace con novos alentos coa completa remodelación convertido nunha moderna rúa peonil chea de vida coas pereiras de flor que a embelecen sendo para min una das rúas máis fermosas da cidade, para paseala e gozar con moitísima máis calidade de vida para os veciños e peregrinos que nunca a abandonaron.
Ás veces uns pequenos detalles embelecen a cidade. Unha rotonda chea de flores ou unha escaleira feita en harmonía coa súa contorna como a que se fixo na rúa do Muíño que dá acceso e comunica a rúa de Eduardo Pondal e O Gorgullón.
Nos asollados días da infancia, onde cada momento era un paxaro e unha aventura, nos tempos do pan de figo e das tendas de comprar ao fiado, das entrañables Ieiteiras, antes do plástico, os barrios foron nosa patria.
Nós, os veciños do Gorgullón e da Virxe do Camiño, pese á fame e miseria daquela época cos nosos pais e nais facendo milagres para saír adiante, na nosa infancia dalgunha maneira fomos uns privilexiados ao vivir nunha contorna natural e fermosa.
Era como se viviramos na aldea dentro da cidade.
Espertabamos co asubío do tren ao entrar na estación e o murmurio do río e o trino dos paxaros no abrenter da primavera onde aínda no ceo voaban libres andoriñas e estorniños.
Daquel tempo xa non están a cheminea nin o muíño de vento que foron o noso faro onde albiscabamos o futuro, tapáronnos o tramo do Gafos que foi parte principal na nosa infancia. Todo xa só queda na memoria.
Parabéns pola recuperación dos dous barrios onde transcorreu a miña infancia.
Antón Roel Villanueva