Alí fomos un fato de homes, mulleres e nenos, como se fosemos visitar un preso que leva cincuenta anos encadeado sen poder ver a luz do día unha viaxe ao corazón das tebras como no libro de Conrad, coas botas de auga e lanternas e na rapazada a ilusión da aventura como se fose explorar o Amazonas, para nós os que coñecemos o río no seu esplendor a ilusión de voltar aos días do sol da infancia onde cada intre pasado no río era unha aventura.
Na máis completa escuridade, só a luz das lenternas alumeando o camiño semellada un río de vagalumes ou como alguén dixo a procesión da Santa Compaña. Non hai cousa máis triste que un río sen vida, as augas baixando paseniño sen un marmurio nin alegría, nin as ratas queren vivir nesa contorna, era como un vello nunha residencia só sentado, agardando a que alguén o saque afóra e sentir na pel as raiolas do sol de novembro a quentar o seu vello corpo aínda que sexa a derradeira.
O que máis sorprendía na marcha era o silencio sobre todos os que o coñecimos descuberto como se de súpeto nos sentiramos culpables de algún xeito de deixalo só tanto tempo, un río que tanta riqueza deu aos veciños na contorna tivéramolo esquecido tanto tempo. Alí por onde comezamos o paseo na Ponte da Tablada era onde pendurabamos o Maio despois de participar no concurso da Ferrería, por aquel relazon do río iba o noso traballo de tanto tempo, como un barquiño de papel á deriva, de participar gañaramos ou perderamos era unha tradición que todo voltara ao río de onde saira todo, aínda naquel tempo o río podía ver no ceo as bandadas de estorniños e andoriñas voar ceibes, e gorrións pousarse nas árbores ao seu carón.
Aquel río cheo de vida da infancia xa só fica na memoria, xa non quedan lavadoiros nin muíños que non soubemos conservar, oxalá como dicía o poeta cando destapen o río volvan as andoriñas, os estorniños, os cabaliños do demos, as xoaniñas da sorte, as bolborettas, as avelaiñas, as vacalouras e vagalumes, troitas e escalos a repoboar o río do Gafos tapado, e nas ourelas agromen as amapoulas, narcisos, lirios, mentrasto e loureiro e se volva escoitar o grilo e as rans, un espazo cheo de vida que é o estado natural dun río que, por desgraza, tivémolo durante moito tempo no esquecemento.
Collida da miña man ía toda emocionada unha rapaciña chea de ilusión e nervos de pasar por debaixo da súa escola e de coñecer o río onde pasaron a súa infancia os seus avós e que lle contaban historias do río a súa nai que agora llas contaba a ela.
Despois dun tempo camiñando na escuridade ao lonxe un punto de luz e a alegría dos nenos e nenas ao chegar a ver de novo a luz e o río con vida non entendendo como se pode ter así un espazo natural soterrado sen que ninguén faga nada. Parabéns para a asociación San Xosé de Campolongo e Vaipolorío pola iniciativa.