Juan José Esperón
A boina, protectora das vacas
A raíz de ver o documental sobre o milenario da Parroquia de Cerponzóns quedeime con que nun momento determinado dúas veciñas que actúan en devandito documental falaban cada unha no seu enclave dun feito verídico que se realizaba hai anos.Trababa sobre a forma de curar ás vacas, sobre que tipo de protección había naquelas épocas onde ante a crenza de que había persoas que botaban o mal de ollo, tanto aos animais como ás persoas.
E o que vou contar realizábase neste caso coas vacas, pero segundo tenme contado a miña irmá, facíase a todos os animais que tiveran o "mal", ata a min tamén me chegaron a facer algo parecido….!
Hai anos os animais que cada un tiñamos nas nosas casas supoñían en gran parte o sustento da familia, un destes animais era a vaca, protexela de calquera enfermidade era primordial, así que cada un dos veciños tiñan o seu xeito de realizar unha serie actos que contiñan rituais protectores.
Aínda é hoxe o día que en casas antigas podemos observar que na entrada das cortes, na parte superior, hai unha cruz labrada na pedra, así cando a vaca saía da cuadra pasaba por baixo desta cruz e quedaba protexida de calquera mal.
Tamén dentro da corte adoitábase poñer obxectos ou amuletos que tivesen un poder como o da cruz.
No documental do Milenario da Parroquia, tanto Angelita como Maricarmen, falan do que facían nas súas casas cando unha vaca se poñía enferma….
Angelita comentaba que unha vez tiñan as vacas ao carro, xa postas na cangalla, tiñan pensado ir ata o lugar da Bouza, nese momento veu unha muller e pasoulle a man por riba a unha das vacas, ao pouco tempo a vaca comezou a inflar, a inflar….e véndoa así sacáronna do carro e retiráronlle a brocha que a suxeitaba, pois podía afogarse….
Mentres Maricarmen no documental comentaba que unha vez tamén tiña a vaca da casa inflada, a súa avoa Ramona mirando así a vaca díxolle a Juan, pai de Maricarmen, que fose buscar á señora Manuela, que entendía dese mal que tiña a vaca.
Mentres ti vas en busca da señora Manuela, dicíalle Ramona a Juan, eu vou buscar unha boina que " fose a misa", despois hai que darlla a Manuela para que lla pase á vaca, ela sabe o que ten que facer coa boina….
Hai anos os homes da nosa parroquia, como as doutras, tiñan por costume cubrirse a cabeza cunha boina, daba igual se fixese frío ou calor. Normalmente comezaba a usarse ao ver superada a adolescencia e xa ata a morte había quen xa non a sacaba da cabeza, soamente naqueles actos relixiosos, misas, procesions etc. Ou tamén como cando ían visitar ao mestre, ao cura, á Garda Civil etc., era o momento en que se descubría e levábana na man.
Normalmente tíñase máis dunha boina en casa, había unha que se usaba para os domingos e aqueles días festivos e outra para uso diario.
Por iso é polo que cando se necesitaba unha boina para facer a "curación" tiña que ser aquela que fose a misa…..
Angelita comentaba tamén que a súa avóa collía unha boina que fose a misa e dicía mirando a vaca :
POR AQUÍ PASOU CRISTO
PARA QUE ESTE MAL SEXA VISTO
MORRA O MAL
E VIVA O NOSO SEÑOR JESUCRISTO.
Deste xeito, pasándolle a boina e dicíndolle estas palabras, "limpaba" á vaca de todo mal.
Normalmente comezábase facéndolle coa boina o sinal da cruz na fronte da vaca, despois comezábase de adiante cara atrás pola perna dereita, seguidamente facíase o mesmo na perna esquerda…..Despois de dicir a oración chuspía fora da cuadra.
A min seica miña avoa tamén dicía esta oración comigo, cando era moi pequeno, seica que eu choraba muito e non sabían que me pasaba, o médico non sabía xa que recetarme, así que miña avoa Ramona collíame no seu regazo e cada día repetía nove veces a oración, non sei si me pasaba a boina pola cara ou si o final tamén chuspía… ao final seica deixei de chorar.
P.D. Agora practicamente ninguén usa boina, unha magoa que se fose perdendo a utilización desta peza.
Eu teño unha, a uso naqueles momentos que para min teñen algo especial e quero que ao levala posta sexa unha homenaxe en recordo daqueles homes que formaron parte na miña vida, deste xeito sinto que están conmigo.
Por iso, no documental de Cerponzóns a Mil, quixen ter ese momento coa boina posta en memoria deles.