Pedro J. Peón Estévez
Más madera!
A BIOFóBICA de Lourizán ( a celulosa, para entendérmonos ) que tanto carto di investir en tratar de caer ben á cidadanía pontevedresa, ben podía gastar un pouquinho máis en contratar novos guionistas pois é tempo xa de cambiar a letra da copla e non repetir as mesmas necidades ata o infinito; ponhamos por caso: A Biofóbica de Lourizán-Pontevedra ou, melhor dito, as suas cacheiras pensantes volven ca letanía aquela dos últimos 60 anos: "que aí ( na enseada de Lourizán ) non poderá haber unha praia porque existe aí unha "autopista" e onde se viu unha praia cunha "autopista" en fronte e bla-bla-blá…" pretendendo sibilinamente separar o que é a Avenida da Biofóbica celuleira como se nada tivera que ver unha coa outra, como se a malchamada " autopista " non fose concebida como muro de contención da area roubada ó banco marisqueiro e que había servir de base do futuro enxendro franquista.
Ese "vieiro entreportos tan necesario" comezouse a construir en 1949. Velaí:
A Avenida de Marín vai andando dispaciño
Pois pénsana encher d’area co-a mueja d’un muíño
Fixeron un aparauto
Para poder rellenar
Que se lle puxo de punta e non quere traballar.
O cal - o forno do cal
O cal - o forno do cal
Elí hai unha paisaxe sen igual…
( Transcrición literal dunha copla alusiva da época. Ironía orixinal de H. Peón. Arredor de 1950 )
A tal avenida comezouse a construir en 1949 e asfaltouse para abrirse ó tráfico rodado en 1969…vinte anos máis tarde !!! Entremedias, en maio de 1961, comezaron a erguer a celulosa a toda présa. O dragado empezou o 30 de decembro de 1958 e o 10 de febreiro de 1959, a dictadura franquista aplacou as máis que xustas protestas da vecinhanza valéndose das baionetas dos pobres marinheiros de reemplazo e dos ameazantes canóns do buque canoneiro Hernán Cortés. A estes, e a ninguén máis, é a quen deben o posto de trabalho eses que tanto berran cada pouco.
Esta foi unha páxina moi negra da nosa historia que cómpre non esquecer xamais se algo de dignidade nos queda. E eses que andan pilhando esmolas celulerias que tenhan sempre presente que lhes pagan co sangue, bágoas e sacrificio daquelas represaliadas e represaliados. A día de hoxe xa nin se cuestiona de que tinhan toda a razón. E logo que pintan os seus expedientes sen anular? Que alguén tenha a decencia de dicilo. Hora é xa.
A "autovía" ha se de elevar algún día, que é o que os mariscadores lhe propuxeron ó constructor ( o falanxista Malvar ) no ano 50, e a celulosa, como xa tampouco estará, non precisará do muro de contención, que ese foi (e é) realmente o cometido da "autopista" como eles lhe chaman.
Teiman de novo os celuleiros co seu proxecto imposible: camuflar o mamotreto; disimular o enxendro tras dun tépedo veo ou, como eles adoitan dicir "integralo na paisaxe" tras comprobar que as nubes brancas, os ceos azuis nin os barquinhos, peixinhos e demais bucólicas mixiricadas que outrora pintaron en muros e cubertas da factoría non surtiron efecto, nin tampouco aquel "An(h)ellus" que aterrorizaba o fondo da ría pola noite; lembran? Pois resulta que tempo hai, armaron un concurso de ideas e seleccionaron seis trabalhos finalistas con nomes moi suxerentes, a saber: Desdibujar, O barco da Bella Helenes, Materia propia, Cambium (?), A mari usque ad mari (??)e El bosque animado. Disque bautismar os proxectos con nomes pighos era condició sine qua non. Total; que cun xurado composto por tres técnicos convidados e tres manhosos da casa, non lhes foi difícil premiar o proxecto máis barato optando, como non !, por Materia propia. E nesas andan, revestindo a Besta con garabulhos de eucalipto e, se antes daba medo, agora acolhoa. En fin, pasen por alí e vexan. É un traxe de pau que mete moito medo. Hai quen di que representa unha palilheira de Camarinhas a facer encaixe coa escuma do mar…que pasa? Os demais non tenhen dereito a dicir pigherías? Disque as varas de eucalipto han retorcer andado un tempo ( coma o aparauto de rechear a avenida ) pero xa me dixo un espabilado que iso xa estaba previsto: o retortamento será o "toque artístico" final. E se plantase lume nos garabulhos? Se tal acontece será un remedo do monte galego, que é o que se busca. Ben, ímolo deixando porque estas cousas danme tabardilho e ademais xa é moita hora de "nuestro señor".
En resumo; levan case seis décadas dilapidando un pastón para que a celulosa caia simpática e non hai forma, oes. Nin que a vistan de pau, de seda ou de lagarterana…non hai maneira! Deberían probar a desparasitala; ó melhor é iso. Se, en vez de tanto gastar tratando de por presentable a esa fea moza, tivera uns dirixentes respectuosos, dialogantes ou, cando menos, educados, outro galo nos cantaría.
Conforme vou rematando vénhenme un par de ideas serodias. E se a revisten de madeira coma certo lendario cavalo? Saben; o da guerra de Troia con Ulises, Teucro e tal? A ver, non vaia a ser que a disfracen de cavalo para que os pontevedreses a leven muralhas adentro…
Outra é iso de que a vistan de pau…non sei eu. Saben vostedes a que chaman " traxe de pau "? Ó melhor é que a ven moi doente e cómpre estar preparados.
Entrementres parafraseamos a Marx berrando. MÁS MADERA !
Unha última nota. Os pasos a nivel da Praza dos Praceres seguen aí. Nin sentencia firme nin ostias. E os expedientes dos represaliados do tren? Tamén seguen aí? Seguro que isto é unha democracia…?