Tribuna Viva
O pleno da xunta de persoal docente da provincia de Pontevedra esixe a retirada da LOMCE
A comunidade educativa galega manifestou o día 9 de maio o seu rexeitamento frontal á LOMCE. Familias, alumnado e profesorado participaron nunha formidábel e histórica mobilización como nunca antes se producira no ensino.
Esiximos que o ministro Wert e o presidente Rajoy retiren este proxecto de lei e damos os nosos parabéns a todas as persoas que decidiron defender a igualdade e a xustiza e o carácter público e integrador do sistema educativo.
- A LOMCE é unha lei antidemocrática.
- A LOMCE é unha lei ao servizo dos intereses económicos e ideolóxicos da patronal do ensino privado e a conferencia episcopal.
- A LOMCE introduce criterios mercantilistas no funcionamento do sistema escolar.
- A LOMCE intenta desprestixiar o servizo público educativo.
- A LOMCE é unha lei españolizadora e que despreza a lingua galega.
- A LOMCE segrega e exclúe o alumnado máis desfavorecido.
- A LOMCE é unha lei sexista que entrega unha parte do sistema educativo a grupos sectarios que promoven unha ideoloxía contraria aos dereitos das mulleres.
- A LOMCE desvaloriza a FP e déixaa ao servizo exclusivo das necesidades empresariais.
- A LOMCE elimina a participación d@s docentes e do resto da comunidade educativa no goberno dos centros.
- A LOMCE atenta contra a igualdade de oportunidades e contra a cohesión social convertendo o ensino nunha mercadoría.
- A LOMCE pon en cuestión a profesionalidade do profesorado e converte o ensino nunha carreira de obstáculos que aumentará o fracaso escolar.
A Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra (XPD), formada por 43 delegadas e delegados elixidos nas eleccións sindicais realizadas en decembro de 2010, é o órgano de representación do profesorado nos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Programas de Cualificación Profesional Inicial, Formación Profesional, así como nos centros de Educación de Adultos, Escolas Oficiais de Idiomas e Conservatorios.
A XPD representa a máis de 10.400 profesoras e profesores que imparten as súas aulas nos niveis citados.
O traballo deste colectivo realízase en máis de 410 centros públicos nos que cursan os seus estudos máis de 103.000 alumnas e alumnos segundo datos do Instituto Galego de Estatística (outubro de 2010). Estes datos non inclúen o alumnado de Educación de Adultos nin das Escolas Oficiais de Idiomas e Conservatorios.
Asinado: O presidente da XPD-Pontevedra
Xabier Pérez Davila
22.05.2013