Juan José Esperón
O mandil da miña avoa Ramona
De neno recordoa sempre con aquel mandil de cadros de cor negro, miña avoa era unha muller que se levantaba moi cedo, as seis da mañan xa estaba na corte da vaca ordeñando nela, por suposto co seu mandil posto.
Acordádesvos do mandil da vosa avoa ? Seguro que si.
A función principal daquel mandil era a de protexer a roupa que tiña debaixo, evitar manchas, roturas, enganches…Pero esa peza de roupa tiña moitas máis funcions…
Cando miraba a miña avoa vestida desde primeira hora da mañá con el posto era porque xa comezara o día de traballo, o cal xa non retiraba ata ben avanzada a noite.
Recordo que sendo un cativo naquela cociña coa tixola ao lume, o mandil servía de agarradeira para retirar a tixola quente do lume, ou tamén para avivar o lume da cociña de ferro.
Pouco antes de facer ese servizo na cociña servía para coller os ovos do galiñeiro é tamén para aniñar aqueles poliños que necesitaban dun coidado especial.
Pero aquel mandil usábase tamén para recoller os froitos das árbores, facía a función de canasto para recoller as verduras da horta, era imprescindible para a hora da sementada…..como recordo aqueles días co mandil cheo de semente, recollido por un lado con unha man e coa outra sementando a leira do Cañoto.
Tamén servía para moitas cousas máis, unhas veces para secar as miñas bágoas é outras para limpar a miña cara empapada de terra e suor.
Tampouco faltaba a función do mandil para avisar ao meu avó e ao meu pai cando estaban na leira, a miña avoa achegábase ao lugar apropiado onde fora visible a súa figura e comezaba a axitar o mandil ao aire, entón eles comprendían que era a hora de ir xantar , inmediatamente deixaban os seus quefaceres e regresaban a casa para repoñer forzas.
Ás veces recibiamos algunha visita de coñecidos ou familiares que levabamos tempo sen vernos, si traían consigo algún neno que resultaba ser tímido, alí estaba a miña avoa co seu mandil para facer de refuxio da súa timidez e mesmo cando facía frío usabao para envolvelos nel e darlles calor, a min tíñanme coma un poliño nos días de inverno.
E cando se recibían visitas inesperadas ?,era sorprendente a rapidez co que a miña avoa usaba o seu mandil como trapo do pó para pasarllos aos mobles.
Cantas funcións fixo o mandil ! Unha peza que realizou un traballo que non coñeceu vacacións nin pagas nin ningunha consideración.
Pasarán moitos anos que volvan inventar algún obxecto que poida cumprir tantas cousas á vez !
Hoxe temos moitos vestidos e lavadoras que os laven ! As agarradeiras das tixolas xa non che queiman as mans !
As cariñas dos nenos lavámolas con toallitas húmidas ! Hoxe en día o lume avivámolo cun botón ou unha chave ! E o pó quitámolo con bayetas ecolóxicas !
Seguro que a moitos de vós cando falo do mandil vénllevos á mente aqueles recordos da infancia, das nosas avoas e as nosas nais utilizándoo na cociña, se de quen ao ver un mandil evócalles certos cheiros e sabores daquelas comidas favoritas que lles facían as súas avoas ou as súas nais.
Canta historia ten un anaco de tela desde que se comezou a usar alá polo ano 1200, pasou por certos periodos onde se utilizou máis e outros en que apenas se usaba.
Na revolución industrial foron os obreiros os que lle deron un enorme uso, prácticamente usábano en todas as fábricas, máis tarde foron os artesanos e cociñeiros franceses, bautizaron ao mandil co nome de "naperon", e puxeronno de moda.
Seica no ano 1920 as mulleres usárono como un atuendo máis de moda, máis tarde, entre os anos 1929/1939, na época da gran depresión pasou a ser unha peza imprescindible para protexer a pouca roupa que naqueles anos tiñan as xentes.
Logo, nos anos 40 é cando o mandil pasa a ser a imaxe da típica muller ama de casa, despois nos anos 50 coa publicidade na tv, todas as mulleres aparecían na pantalla con esta peza á hora de anunciar os produtos típicos do fogar.
É nos anos 70 cando o mandil cae de novo en desuso, a muller quere demostrar que serve para algo máis que estar en casa, quere seguir estudando e traballar fóra de casa, rexeita do mandil por non axustarse á nova imaxe de muller que non se conforma con ser "ama de casa" o servizo do marido.
Sobre os 80 o mandil volve ter o seu significado orixinal, o de protexer a roupa contra as manchas, ofrécese xa cunha variedade de modelos, cores, estampados e faise cunha personalidade diferenciada.