Pedro J. Peón Estévez
O camelo de Redondela
Ate aquí ben pero…el que raio será iso do Camelo ?… Será realmente un "camelo" ? Pode que alguén me saiba dar razón da Marimanta ou do monstro de Guatemala; (" the Guatemala’s Munster !!! " berraban os altofalantes nas festas da Peregrina de antano ) lembran ? Pero iso do Camelo de Redondela de que vai?
Corría que se mataba o ano 1966 ( xa choveu !) Eu percorría o meu hábitat a diario mentres o "motor?" de Pontevedra comezaba a envelenar Lourizán con mil compostos extranhos. Eu rematara o bacharelato pero non podía seguir por aquelo de que eramos 5 irmáns dunha familia pobre e no devandito "motor?" non había trabalho para nós porque tinhamos a puta manía de pensar. Eu estaba farto de arrincar os herbeiros dos pementos que criaba a minha mamae…ela si que foi o auténtico motor da nosa casa co seu eterno e sacrificado trabalho, meu amor !
Algúns días axudábalhe a Lito o "Xurelo" a cargar camionetas de cachotes na antiga canteira de Malvar ( despois Manosa ) Cando a caixa da carripanda estaba chea, o seu dono -Benito Alonso- achegábaa á obra, alí preto, onde os "Xurelos" ( Gumersindo e Lito ) erguían o Bar Restaurante La Terraza. Gumersindo tenme chegado a pagar… unha peseta! por camioneta cargada. Benito Alonso e familia eran uns grandes profesionais da hostelería, ata seis bodas chegaban a servir nunha fin de semana ! Naqueles tempos en que a xente aínda casaba, claro.
Vaites que un día atópome coa camioneta parada na explanada diante o restaurante e vaia sorpresa que levei. A carrinha en cuestión xa era obsoleta daquela. Podería ser unha Ford de caixa aberta de madeira de 1920-30, parecida a aquela que conducía Henry Fonda naquela mítica fita "As uvas da ira" plasmando a terrible crise de 1929 nos USA.
Resumindo: As táboas laterais dereitas apareceron rotuladas con estas catro palabras: El Camello De Redondela destacando sobre un estrelado fondo claro.
O feito non deixaba de ter o seu misterio pero, coma así, eu esquecino axinha. Ata que…
Ata que me atopaba un dïa vendo a tele no Submerxible de Genaro e vexo na pantalha a carrinha de Benito curricando polas rúas de Redondela co letreiro de marras no costado. Peguei un chimpo na cadeira e, de súpeto, vin a luz. De socate comprendino todo: a panderola de Benito era unha consumada estrela da tele, a protagonista dun capítulo ( o 22 ) da serie de TVE emitida en 1966-67 "La familia Colón", mandatruco!
Cando o contei na casa, xa o meu pai estaba de volta e media. "E logo ti non o sabías?", díxome o velho. e, sen agardar resposta minha, seguiu contando: "Alugáronlhe a matraquilha a Benito e alá foi el con ela por mor de que lha tratasen ben. Nunha destas, estaba distraído falando con alguén e mira pasar a súa camioneta a toda canha polo seu lado. Benito botou a correr tras dela a todo berrar pensando que lha roubaban e de súpeto óese o berro de Julio Coll - o director da serie- CORTEN!!! . O meu pai tinha moito maxín.
Se non me cren, busquen na rede La familia Colon/Cap. 22 Aquel hombre llamado Redondela.
A min bo trabalho me custou pero ó fin dei con ela e foi un pracer percorrer a Vilavelha de Redondela a par da camioneta do senhor Benito que tan boas lembranzas me traen. Non había tardar moito en facerme asiduo da marabilhosa sala MIramar.
Benito Alonso tamén tinha un turismo, se cadra aínda máis velho que a carrinha e disque o tinha conducido o mesmísimo Elliot Ness. Aquí coido que o meu informante se pasou un anaco…