Marta Rodríguez Engroba
Feminismo ou guerra de sexos, o perigo de confundilos
Xa estamos achegándonos de novo a unha das dúas datas do ano que teñen a facultade de poñerme do revés, por moito que me propoña tentar aprender a levalo mellor, porque está claro que envelenándome non vou acadar nada, e hai cousas que non se poden mudar, por moito que se tente, como é o oportunismo que moita xente explota vilmente nestas ocasións.
Estou a referirme ao 8M, a data que, xunto co 25N, semella ser algo así como un axitador de conciencias, que fican dormidas o resto do ano, e que se desactivan de novo, automáticamente, o 26N.
Como sempre que toco este tema, e dado que non é a miña intención ferir sensibilidades nin ofender a ninguén, véxome na obriga de aclarar que non xeralizo, que quen me produce un profundo rexeitamento , que medra de día en día, son eses persoaxes que se erixen en líderes dous días ao ano, e, por suposto, nos prolegómenos destes, facendo todo o ruido posible e dando a sensación dun traballo denodado, pero que o resto do ano amosan un pasotismo total que tan só abandoan cando algún suceso, case sempre tráxico, relacionado coa violencia de xénero, lles propicia unha nova subida ao carro e se deixan ver e oir sacando partido, unha vez máis, da desgraza.
Todo o meu respecto, por suposto, a quen comparte estas accións, cónstame que con todo o sentemento e a mellor das intencións, e o único que me atrevo a suxerirlles e que, na miña humilde opinión, tal vez deberían seleccionar mellor con quen comparten esforzos, pero, insisto, é tan só unha suxestión.
De novo lles reitero o meu respecto, e creo que é unha mágoa que se aproveiten do seu traballo, do seu esforzo e da súa presenza para uns fins, nalgúns casos, algo máis que cuestionables.
Dito isto, que tantos "amigos" me fai gañar, seino, vou continuar dicindo que, por moito que tente ficar allea a todo isto do que falo, é imposible, porque o bombardeo é constante. Todo esforzo semella ser pouco para fixar o foco de atención nos preparativos do vindeiro 8M, o que non deixa, en non poucos casos, de ser unha hábil ferramenta para distraelo, por exemplo, da terrible e tráxica realidade de que a violencia de xénero continúa medrando, e que non se está a facer nada por evitalo, e neste punto non falo soamente de certos colectivos, como fácilmente se deduce do exposto anteriormente, se non tamén dos representantes políticos, que ven nesta data unha ocasión de ouro para moito lucemento e pouco traballo, ou ningún, porque, normalmente, abonda coa súa presenza, e se algún ou algunha discrepa deste "modus operandi", que haber hainos, cónstame, non lle queda outra, se non quere ser condeado ou condeada, ao ostracismo máis flagrante e, porén, a desaparecer do mapa, e eso non é plato de gusto nin unha opción, por moita conciencia que se teña, non lle queda outra que tragarse as conviccións a acollerse ao lema de "Onde vas tolo?....Onde van todos!", que é o que compre se se quere seguir sendo alguén no panorama político, ou, ainda máis importante, escalar chanzos nel.
Tamén moitos medios de comunicación semellan estar descubrindo a pólvora nestes días, e sacan a luz un chorreo continuo de artigos, entrevistas, etc, etc, no que a violencia de xénero, as testemuñas varias ao respecto, e as consignas feministas máis variopintas ocupan os espazos estelares, dando a sensación de que ata estas datas eran algo descoñecido.
O mesmo está a ocorrer coas redes sociais, que, de súpeto, hai momentos nos que se volven case monotemáticas.
E son algunhas desas consignas as que me chaman a atención, e non favorablemente, teño que dicilo.
Por suposto, abogo pola igualdade entre homes e mulleres e a esixo, algo que vai implícito, creo, na loita diaria de Si, hai saída, malia que somos conscientes de que hai quen non opina así. Tamén o respectamos, por suposto. Son consciente, así mesmo, de que ainda somos esclavas dunha sociedade profundamente machista, tanto que arrancar as súas raíces non é unha tarefa menor, e menos ainda que se poida acometer sen a seriedade que require.
Isto non vai de lucemento e de quedarnos na superficie. Esixe un traballo moi profundo, moi consciente e, desde logo, na miña opinión, nunca baseado en radicalismos que caen, precisamente, no que se supón se está a condear.
Por que digo isto?. Pois porque me producen auténticos arrepíos algunhas das consignas que estou a ler e a escoitar, algo que se repite ano tras ano, e do que ninguén semella decatarse, nin moito menos ter interés en correxir, que me fan preguntarme que demo agardan conseguir quen está a exercer, nin máis nin menos, a conducta machista que condean.
Rexeitamento a quen non se axusta aos seus patróns e as súas consignas, cando non abertas descualificacións. Críticas feroces a quen opta por loitar doutro xeito, polo visto menos digno para as autoproclamadas "gurús do feminismo", e, non sei se o peor de todo, pero desde logo, sempre, insisto, desde o meu punto de vista, moi grave, o aberto antagonismo contra os homes, aos que, lamentablemente, se adoita a meter a todos no mesmo saco, proxectando unha imaxe de auténticos trogloditas, destructores de mulleres e cun maltratador en potencia dentro todos e cada un deles.
Evidentemente, e o dixen antes, o machismo segue a estar moi presente, demasiado, pero non creo que sexa xusto xulgar a todo o sexo masculino por igual, nin dar por sentado que home e machismo son un binomio que ven de serie e, porén, non se pode separar.
Un chisco de sensatez, por favor.
Se dicimos que estamos a loitar pola igualdade, por qué non o demostramos con feitos?
Tan difícil é loitar con coherencia e tentar atopar un equilibrio, algo que será difícil, sen dúbida, pero non imposible?.
Tan difícil é de entender que os homes non nacen co machismo nos seu xens, se non que, o mesmo que nos, as mulleres, son vítimas dunha educación arcaica que o alimenta e o fomenta cada día?
Isto non vai dunha guerra de sexos.
Non se pode falar de igualdade, esixila, e, por outra banda, alimentar a tiranía e o rexeitamento a quen, coma nos, as mulleres, precisa ser educado, e non todos, porque tamén, entre os homes, como entre nos, as mulleres, hai de todo.
Ogallá me equivoque, e, de ser así, desde aquí fago público o meu compromiso de retractarme e mesmo pedir desculpas polo meu erro, pero, honradamente, e o digo con mágoa, mentras certos modos de loita, ou máis ben de imposicións, non muden, pouco ou nada se vai conseguir.
Pola contra, iremos a peor.
Predicar unha cousa, e facer xustamente todo o contrario, e algo, creo, ao que se lle pode chamar de todo menos loita.
Asociación Si, hai saída