Antón Roel Villanueva
A garceta do río dos Gafos
Camiñando a carón do río cas orelas enchoupadas de auga no paseo do treito urbano coas augas turbias polos continuos verquidos que a cotío sofre sen que ninguén lle poña remedio cando, de súpeto, nun relanzo a vimos maxestuosa como se fose a raíña do río, unha garceta de cor branca rachando ca tristura da paisaxe nun día gris e con choiva xurdindo ante nós como unha loaira que é como chaman no Caurel as raiolas de sol que saen entre as nubes en días como o de hoxe. Atopámola quizáis agardando a este sábado que é o Día dos Humidais cando os amantes da natureza e dos ríos achéganse camiñando ata as Brañas do Gafos, un tramo que aínda pese ás continuas aldraxes que sofre o río, manténse virxe, onde se atopa o que está considerada a árbore máis vella, un estripeiro, cando na Galiza tamén celebramos a Candolaria, que é cando segundo a nosa tradición casan os paxariños.
É moi boa noticia ver os nosos ríos ateigados de vida. Hai pouco líamos que no noso río maior, o Lérez, avistáronse nutrias, que proba de augas limpas e descontaminadas. E no Gafos, pese a estar cheo de lixo e plásticos no tramo urbano, aínda se poden ver peixes. E xunto ás garcetas, corvos mariños bañándose e limpándose das augas salgadas. Tamén melros reidores, pegas ravilongas e toda clase de paxariños pequenos, que aínda non exterminamos como fixemos cos estorniños que alegraron a infancia de moitos de nós cando voaban ceibes realizando fermosísimos debuxos efémeros sen molestar a ninguén.
Hai pouco lía un artigo moi fermoso que dicía que xa é moi difícil ver vagalumes, andoriñas, escornabois, etc, non só nas cidades, senón tamén nas aldeas. Por desgraza e pola nosa culpa todo xa so fica na memoria da nosa infancia cando nos deitábamos cara ao ceo nun campo cheo de mapoulas de cores a ver pasar as andoriñas viaxeiras ou cando no tramo agora cuberto do Gafos escoitabamos cantar o cuco, que era o sinal que axiña chegaría a primavera coas mimosas enchendo de cor amarelo os montes, cando xa remataba o reinado das flores da invernia, camelias e magnolias.
Agora cando chegue a primavera en vez das andoriñas viaxeiras chegaran as promesas electorais que outra vez nos prometera cousas que xa tiñan que estar feitas hai moito tempo como sanear as rías e os ríos sacar as industrias contaminantes, destapar o tramo cuberto do río dos Gafos, plantar máis árbores autóctonas, etc. Oxalá nos trabuquemos e, por unha vez, cumpran as promesas.