Manuel Pérez Lourido
Pontevedriña C.F.
O Pontevedra CF chámase en realidade Pontevedriña. Así é como lle chamamos todos na intimidade, cando falamos catalán e esas cousas.
O Pontevedriña está a atravesar momentos delicados, como leva sucedendo dende que un ten uso de razón: cada ano é unha agonía dende hai moitos anos. Ou está a loitar por non descender ou a piques de subir. Ultimamente ten ademáis problemas financieiros, coma a inmensa maioría de clubes deste país, coma a inmensa maioría de familias deste país. Ou sexa, todo vai indo polo libro pero aquí faise un mundo de calquera cousa. O presidente, por exemplo. ÿ un home cuestionado pola meirande parte dos afeccionados, agás Louzán e Lores que foron os que o puxeron aí. Digo eu que entón habería que cuestionalos a eles. Pero claro, Lores é o alcalde vitalicio da vila e Louzán o presidente vitalicio da Deputación. O primeiro, ademáis, aportou un fillo á plantilla granate e o segundo... o segundo encheu a provincia de campos de herba sintética que, por outra banda, era o que máis fatla facía por aí adiante. Outra cousa non, pero existía unha necesidade imperiosa e soterrada de ter un campo de herba sintética como nunca se vira na historia dos municipios da contorna.
Volvendo ao Pontevedriña, ten a desgraza de ser un clube con moitísimo máis pasado ca futuro: eso é o primeiro que ten que roer calquera xunta directiva que se planta en Benito Corbal, ou donde sexa que ten o Pontevedriña hoxe a sede, se é que a ten. Porque ao peor tan só teñen un cuartiño no propio estadio. Xa se viron cousas máis raras. O clube da Boa Vila sen sede no centro da vila, xa nin é clube nin farrapo de gaita. O Pontevedriña hoxe é só un anaco de historia que anda a penar polos campos de terceira, sintética ou non, coma un alma perdida.
Esté é o presente do noso equipo: unha peregrinación por vilas de catro mil e pico habitantes co seu pasado de clube de primeira ás costas. Eu penso que o peor que lle puido pasar ao Pontevedriña foi ascender un día a 1ª División, porque agora xa nada nos acouga. Por moito éxito que teñamos, aínda que se lle metan 8 goles ao Narón, poñamos (que non llos metemos nin borrachos) nunca se poderá comparar co ascenso a 1ª. E os pontevedreses somos moito de comparar, recoñezámolo.
O que digo é que hai que seres menos agonías e vivir menos das glorias pasadas. O Compostela, por exemplo, fixo moita máis historia en 1ª (por certo, menudo presidente gastaba) e non anda por aí agoniado.
En fin, que o primeiro que temos que facer, polo ben do clube, é deixar de miralo como uns acomplexados. Xa teñen os xogadores bastante con procurar marcarlle goles aos rivais como para que lle teñan que marcarlle tamén goles ao pasado.
24.04.2013