Pedro J. Peón Estévez
A odisea do trole 102 (II)
Agora quixera deixarlhes un poema (por chamarlhe dalgún xeito) que escribín alá por 1965 - 68 coas minhas impresións de rapaz rural apabulhado por aconteceres dispares e atropelados.
NO TROLE
Tlin, tlin! "Sigue Graña; estamos completos"
Subín no trole en Cocheras
- coma sempre -
"Embarquín no trol" diría un de Marín.
Cara a Marín ía eu
- coma sempre -
ó Instituto Laboral (dio-lo descanse)
ou "the Canhota University" que farda máis.
Ía turrar cos meus mestres:
O Troncho; rechoncho.
O Atila ; que te fila!
Chapolino; ladino.
Panisse ; neuro-crise
Daría ; mamma mía!
Olimpia ; moi limpa (de "polvo e palha")
Pichel ; santo el.
Antonio ; Petronio
e o Facha; mala racha!
vaia penha!, lévaos para a casa!
É broma. Os profes eran bos rapaces.
Saúdo ó cobrador e non lhe pago; son da casa
Comezara na escola de dona Carme Vinhas en Molhabao
"Vilhabao" dicían os de Marín.
e a Marín fun -leváronme- ó Grupo...case nada!
de cada casa o melhor!
E a minha mai:
"Xa falas coma os de Marín"
"Oh; é que o marinheiro é moi apeghadiso mamae!"
Ai, veume deus a ver...
tres días en Álvarez Limeses cun tal Ulpiano
e saín queimado!
En Marín chamáronme "cascarilhero"
e eu encabreeime coma unha mona
e non me quedou outra que contraatacar:
-"Cascarilheros" son os de Pontevedra
- E logho ti?
- Eu non son tal
- Si, ti si es tal
- Non, eu non son tal
-Si, ti si es tal
- Eu son de Lourizán
Aí retiráronme o "alcunho", como din eles.
No trole ía Luciano o da lotería
Luciano non era gay, non
Luciano era sarasa e a moita honra
Nunca saíra do armario
tal vez porque nunca entrou.
Levaba axóuxeres nas botas.
O seu grito de guerra era:
"Ai que mexo por min!"
Bacilaba a homes, mulheres,
mozos, velhos, altos e baixos,
gordos, fracos, mediopensionistas
e militares sen graduación.
Era un progresista.
Non discriminaba a ninguén
por sexo, raza ou condición.
Paramos na Pastora. Subiu Sifó (o cura)
Tlin, tlin! "Sigue Graña; estamos completos"
Sifó tampouco pagou.
Eu non oagaba por ser filho de empregado,
Sifó non pagaba por ser un filho de...deus.
Decateime que na plataforma de atrás ía Balán:
"No te sueltes la melena a-á...!!"
Historias do velho TEP
Algún día escribireinas.
No Sartán, á dereita, a celulosa.
Só hai catro días que funciona e xa fede a morto.
Entre ela e os Praceres quedou un anaco de mar pequeno.
Un mar sempre verde
con illinhas flotantes de verdelho verde.
Só hai catro días que bufa
e, onde o verde, hai negro
e témpanos de escuma castanha onde o verdelho.
No negro hai milheiros de puntinhos escintilando con raios de plata.
Hai unha nena co narisinho apegado á ventaínha:
"Mira mamá: parecen estrellitas
en el cielo de la noche"
"Non son estrelinhas tal -atalho eu sabichón-
son peixes que aboian
e reflicten os raios do sol"
Unha voz anónima cortoume:
"Niño, habla bién!!" ( cantas veces os Balbinos do mundo aturamos esta lamentable frase, amigo
Neira que te fuches amodinho...en silencio. Sshss!...Durme Balbininho, durme )
E só leva catro días gomitando lodra..!!
E na plataforma, Balán:
"Espérame en el sielooo....Ladies and gentlemen, distinguidos viajeros: estamos en Vixide. A su izquierda, muertos humanos; a su derecha, muertos acuáticos
...cariñito adoraaado..."
Unha media ducia de peixeiras ocupan os asentos traseiros. Tapan o nariz e berran: "Hooó, como feede!!"
Que idioma máis rico o noso
que nos permite escolher entre
cheirar,
feder,
ulir
e recender!
Podes dicir que ule ou cheira ben ou mal
pero nunca que fede ben
nin que recende mal
E a celulosa, a puta celulosa
nunca uliu nin cheirou.
A celulosa sempre fedeu
a pozo negro...a crematorio.
E se isto non fora abondo, podes dicir que alcatrea!
Chego a Marín, baixo no Pitanxo
Tlin, tlin! "Sigue Graña..."
Chssss!, péchanse as portas
e o fedor non se apea
o fedor viaxa eternamente no trole...
...sen pagar.
E a derradeira melodía de Balán vaise esvaíndo:
"Bailar yo quiero el Dongo-Dongo
porque es un ritmo muy basilongo"
Historias do velho TEP...
Algún día escribireinas.
Paradoxa:
O trole; ecolóxico, entranhable, servicial e barato desapareceu.
A celulosa; insalubre, nociva, molesta e inmoral segue aí...
Algo falha neste mundo.
"O trole uniu Marín con Pontevedra; a celulosa separounos para sempre"