Tribuna Viva
A rúa Jaime Janer, un perigo
A insoportable levedade do ser ou esa tendencia a relativizar ou minimizar sucesos que son graves por definición. Hoxe falar de falecidos por atropelo no casco urbano de Marín tendo exemplos doutros concellos veciños onde isto non sucede desde hai anos, deberíanos facer reflexionar do ben ou mal que se están facendo as cousas a este respecto no noso concello.
Isto non pretende ser unha crítica política senón un modesto relato da situación que os veciños desta, a nosa rúa, vimos sufrindo en silencio desde hai tempo e que, ante a situación de indiferenza, obríganos a reflexionar.
Á miña casa chega correspondencia que, sen darlle maior importancia, refire o lugar onde vivo como rúa, avenida ou simplemente Jaime Janer. A denominación ten a súa importancia. O certo é que a chamemos como a chamemos non é máis que unha céntrica rúa do noso concello cun gran volume de tráfico rodado e transeúntes, e este débese controlar e regular. E digo controlar porque é raro ver ese control.
Os que aquí vivimos percibimos a rúa como perigosa, moitísimo tráfico, velocidades inadecuadas, beirarrúas estreitas e pasos de peóns perigosos. Por esta rúa circula transporte pesado, a zona de carga e descarga adoita estar ocupada por coches, o que trae como consecuencia que os destinatarios finais deste tipo de zonas acaben estacionando en dobre fila. Tamén acaban en dobre fila os de “solo es un minutito” que paran con esa escusa para acudir a calquera dos establecementos desta rúa, ou acaban estacionando nos vados coa mesma escusa.
O pasado día 20 de xullo de 2018 ás 10:00 horas tivo lugar o último suceso dramático en Jaime Janer: un octoxenario faleceu ao ser arroiado por un vehículo, que á súa vez acabou invadindo a beirarrúa contraria e impactando contra o escaparate dunha coñecida inmobiliaria local. Sempre pensei que unha persoa desa idade debería morrer de vella e na cama, nunca da forma que o fixo, e que algo deberiamos facer xa para que non existise a posibilidade de que algo así sucedese.
A traxedia sería moito maior se nese momento houbese xente esperando o bus, transitando pola beirarrúa ou simplemente alguén que nese preciso instante parase a ver o escaparate. Por non mencionar os nenos das colonias que nestas datas adoitan transitar por esta rúa provocándonos un sorriso cos seus cantos.
Cando comentamos entre veciños a situación da nosa rúa todos coincidimos nalgúns puntos, que se cadra, o concello non se parou a valorar e que a continuación paso a mencionar.
A vontade. De forma unánime, e ante todo, gustaríanos poder transitar polas beirarrúas coa máxima seguridade que os coñecementos técnicos, o diñeiro e a vontade dos nosos gobernantes nos poida ofrecer, e cremos firmemente que deste punto estamos algo lonxe.
A dimensión dalgúns tramos de beirarrúa. O tramo onde acabou colisionando o vehículo do último sinistro é algo estreito, sen proteccións para os transeúntes, os retrovisores dos camións e outros vehículos de transporte penetran na beirarrúa perigosamente mentres circulan pola estrada e calquera vehículo, que por desgraza e ante un sinistro acabe invadindo ese tramo de beirarrúa, provocará unha traxedia e o certo é que hai medios para evitalo.
As paradas de bus virtuais, e digo virtuais xa que a maioría das veces os usuarios terminan refuxiados na entrada do portal do edificio de quenda ante as inclemencias do tempo e a ausencia de parada física. Non estaría mal ampliar as beirarrúas e así poder instalar unhas paradas en condicións de seguridade e dignidade. Os pasos elevados (lombos) por que non están en toda a rúa?.
A colocación dos colectores, que nalgúns casos deixa moito que desexar en canto á seguridade dos coches que saen dos seus garaxes pola nula visibilidade resultante de tal colocación e que provocou máis dun accidente. E gustaríanos que as rampas de acceso aos garaxes non esnaquicen os fondos dos nosos coches, nin que teñamos que saír pitando dos mesmos para non atropelar a ninguén.
Doutra banda, a modo de suxestión e ante a alta taxa de sinistralidade que soporta a nosa rúa, non estaría mal a adquisición por parte da Policía Municipal dalgún tipo de parapeto máis respectuoso coa dignidade da vítima. Cabe sinalar que o falecido permaneceu por dúas horas tirado na estrada cunha sabana mentres o tráfico fluía con normalidade.
Modestamente, son de Marín, estas cousas non me gustan pero sobre todo preocúpanme.
Miguel Angel Lema Couso