Marta Rodríguez Engroba
Máis que desencanto, xa sinto desesperación
Permitídeme que hoxe me tome a liberdade de abusar da vosa paciencia e da oportunidade que me brinda este xornal para, nestas liñas, tentar aliviar, compartindo con vós, o sentimento que me domina, e que, como digo no título deste artigo, ao que máis ben hoxe debería denominar terapia, xa superou a fase de desencanto para chegar a ser sinxela e pura desesperación.
O verán, por desgraza, está a discurrir na liña habitual no que atinxe a violencia de xénero. O aumento de mulleres agredidas e asesinadas é máis que evidente.
Non vou redundar unha vez máis nos motivos para que isto suceda, que xa expliquei moitas veces e de todos son coñecidos, pero no que si vou redundar, e o farei cantas veces sexan precisas, e na pouca conciencia e no descarado pasotismo de moitos dos que teñen a obriga de velar pola seguridade das vítimas da violencia machista e que, con un desprezo total polo risco que a vida destas mulleres, e moitas veces as dos seus fillos, corren, dan por sentado que, co verán, a violencia de xénero tamén se ralentiza, malia que a tráxica realidade, ano tras ano, amosa o contrario.
Tampouco é que o resto do ano fagan gala dunha excesiva preocupación, pero, polo menos, disfrazan con máis ou menos habilidade a súa incompetencia, pero, coa chegada dos períodos vacacionais, a deixadez, a omisión do cumprimento das súas obrigas, acadan límites escandalosos.
Comisarías baixo mínimos, e case sempre descabezadas nestas datas, porque claro, todo responsable que se prece colle as súas vacacións nas datas estipuladas para a xente de ben, e baixo ningún concepto ningún deles vai saír perdendo, polo que todos marchan ao mesmo tempo.
Como consecuencia dIsto, entre outras razóns, danse situacións como as faltas reiteradas dos policías encargados de acompañar as vítimas cando a situación, dado o risco que corren, o require.
Puntos de Encontro Familiar que pechan as súas portas durante semanas, deixando as mulleres e os seus fillos, que se ven na necesidade de facer uso deles por mor do perigo que corren, totalmente desprotexidos e sen ofrecerlles alternativa algunha.
Ausencia case total dos letrados que as asisten, co cal, ante calquera circunstancia que xurda que sexa susceptible de ser asistida ou sinxelamente consultada, non vai haber resposta, e isto é algo que todos sabemos que ocorre, sobre todo en datas coma estas nas que o intercambio de nenos, leas polos días de vacacións, etc, etc desembocan moitas veces en sucesos mais graves.
Podería seguir, porque a lista é longa, pero o resumo é doado de facer: Se durante o resto do ano a protección que se brinda ás nais e ás nenas e nenos susceptibles de ser agredidos por mor da violencia de xénero, no verán se lles bota directamente, e sen o menor remordemento, aos pés dos cabalos.
Inútil é dicilo, advertir do que pode acontecer, e,de feito, moitas veces acontece, e co final mais tráxico que pode haber.
Os argumentos sempre son os mesmos: O persoal ten dereito as vacacións.
Por suposto que si! Ninguén discute tal dereito. O que non se pode tolerar baixo ningún concepto e que sexa a costa de poñer vidas en risco.
O lóxico sería buscar alternativas, persoas que substitúan ás que marchan, pero claro, non se contempla, na maior parte dos casos, esa posibilidade nin de lonxe, e non soamente por motivos económicos ou de recortes de persoal por unha ou outra razón, senón porque non o consideran preciso, porque a violencia de xénero segue a ser unha cuestión secundaria, que non merece que se lle dedique unha especial atención, e menos aínda se esa atención implica esforzo.
Tampouco é esta situación algo que se reivindique por parte de moitos colectivos que din visibilizalo todo e que se autoerixen case en adalides do feminismo. Non é algo que lles preocupe. Total, de acontecer algo, sempre nos queda o minuto de silencio detrás dunha pancarta en nun sitio ben visible para saír na foto. Non é cousa de amargarse o verán con parvadas!
Crédeme que non esaxero se vos digo que este verán está a ser un dos peores da miña vida, porque en Si , hai saída sentímos que non abondamos para atender todos os casos que chegan a nós como quixeramos, porque temos que suplir, en non poucos deles, o traballo do que terían que encargarse organismos, institucións, etc, etc, e polo que cobran.
O esgotamento que sinto xa non é soamente físico, senón emocional, porque non me cabe na cabeza que se poidan ter tan poucos escrúpulos como para vivir, cobrar, finxindo protexer a quen non lles importa en absoluto, como demostran co seu maltrato, porque o que fan é outro xeito de maltrato, nin máis, nin menos.
Por todo isto teño que confesar que cheguei a un punto no que o que sinto xa non é tan só desencanto, senón pura desesperación.
Asociación Si, hai saída