Antón Roel Villanueva
A tablet de Mateo
Mateo é un neno autista de seis anos e hai uns días perdeu a súa tablet. Non tería importancia pois con comprarlle outra xa se arranxaba, pero o problema é que a tablet de Mateo era especial, era o seu mundo onde gardaba os seus tesouros máis prezados. Poden comprarlle outra mellor, pero xa non sería a súa. Aquela tablet era o seu espazo privado onde só podía entrar el e agora non o ten.
Na tablet de Mateo cabían inmensos campos de lirios, vasos ateigados de xirasois, ceos cheos de estrelas a escentilar, casa amarelas, campos de trigo onde voan libres os corvos, onde sempre era primavera. Mateo é un namorado da pintura, sobre todo de Vincent Van Gogh.
Un día nunha festa familiar, cando era máis cativo, no restaurante ao que fomos tiñan colgadas nas paredes moitas reproducións de cadros de Van Gogh. Colleume da man e foime dicindo sen equivocarse os nomes de todos os cadros, eu quedei abraiado da intelixencia daquel pequeno.
Alguén se preguntará lendo esta carta que perder un neno unha tablet non ten tanta importancia, pero quero aclarar que para Mateo non ter a súa táblet é coma se a un paralítico quítanlle a cadeira de rodas, ou a un neno que ve mal as lentes graduadas. A súa tablet formaba parte del, era un recuncho do seu mundo privado e xa non quería ter outro.
Son nenos como os demais, cariñosos, alegres, que lles custa moito relacionarse co resto, que teñen o que moitos de nós quereriamos: ter un mundo cheo de soños e esperanzas para eles sós, un mundo de cores e flores onde só entran os xenios como Van Gogh, pechado para nós.
Agora coa perda da súa tablet o mundo feliz de Mateo de súpeto parouse. Alguén que lea esta carta e queira devolver o sorriso de Mateo, por favor que chame a este número 678190914. A tablet perdeuna pola zona de Coruxo en Vigo.
Grazas en nome de Mateo.