Manuel Pérez Lourido
Poñamos que falo de Jabois
A medio camiño entre o panexírico e a elexía veñen aparecendo na prensa local crónicas celebrando que se vai Jabois, por fin, a Madrid.
A súa partida non deixa de seres unha vantaxe para quen fica aquí a escribir, todo hai que dicilo. Por iso o da celebración que comentabamos enriba. Esa ambivalencia dos sentimentos. Xa estivo por aquí o suficiente como para que se nos pegase algo, pero claro o talento nin se aprende nin se contaxia (que se non, menuda merda de talento).
Di o de Sanxenxo que cando entrou no Diario non sabía escribir, que o oficio foino facendo escritor. Vale, un futbolista tampouco coloca o balón na escadra a primeira vez que o patea, pero o de escribir ben éche coma o gol: tense ou non. Jabois é un escritor rutilante e con moito gol.
Ao seu amigo Cota parécelle o de Madrid un exemplo máis do feudalismo centrípeto que aínda opera na península. Ben, non sei se é isto exactamente o que lle parece, pero soa que te cagas. (Nota mental: acotar os exabruptos escatolóxicos).
Por qué Madrid?, porque alí, de toda a vida, repartíuse o cocido literario máis excelso das letras hispanas, e non queremos dar nomes que isto non é o Trivial Pursuit. Góngora, Quevedo, Cervantes, Lope, Larra, Valle, Café Gijón, o 98, o 27... cando a túa preciosa pero pequena cidade quédase, pois iso, pequena, o mellor que che pode pasar é que te chame Madrid co seu deixe chulapo e o seu medio desdén.
Hai miles de anos, lendo unha contraportado de MJ no Diario, comenteille a un amigo: "o pavo este non o fai tan mal" (despoi cuspín entre dentes). O meu amigo corroborou á miña apreciación e engadiu: "o que non sei é que fai aínda en Pontevedra": era cuestión de tempo e toda a cidade o sabía. A cousa rompeu con Irse a Madrid, exquisita escolma de artigo vitamínicos, desopilantes e acelerados; pero xa antes Jabois escribira unha novela primeriza, visceral, de pouco pulo pero que amosaba o bo escritor que é. Puxen escritor e non columnista. Jabois ten un don especial para as columnas é iso a un dalle igual, o que lle fastidia é que sexa bo escritor. Se un lle le con mimo, atopará sinais de pertenza a outra caste distinta dos Umbral, Vicent, Montero, Torres, Millás, etc que destacan tanto en prensa e tan pouco na ficción novelada. O día que o rapaz se poña en serio a novelar "se va a cagar la perra" como diría el (ala!, outra vez...).
Mentras, a especialidade de MJ é prender lume na páxina a ritmo de cinco candeas por liña: queda un cos ollos cheos dunha chispas que traen ideas remotas pero que el fía con ese arame con que atan as lámpadas nos días de festas. Por iso en cada texto del hai unha ou varias festas agardando. Unha cousa que fai como ninguén e que ao resto nos pon os dentes ata o chan. (Insisto en que non está tan mal que se vaia, raio).
Podemos, se cadra, afearlle algo: está moi ben todo este alarde luminoso, que tal semella o autor un toureiro de tronío co seu traxe de luces aló no medio do ruedo periodístico. Pero en algunhas ocasións o seu traballo peca de falta de dirección. Rematada la faena, pródiga en volatins, chicuelinas e verónicas, dalí no sae ningún touro coa lingua fóra.
Por último, habería que rematar desexando que o noso Jabois non perdese a ambición e que sacase tempo para escribir esa gran novela pontevedresa que o inmortalice, pero iso sería demagóxico e insinceiro porque un alédase dos éxitos alleos pero ata certo punto. Máis aló é perversión ou vicio. Eso sí: moita felicidade aos tres (e aos que veñan, je,je) e que poidamos brindar por ela.
17.04.2013