Antón Roel Villanueva
Imos recuperar as praias
Debaixo da fábrica están as praias e o lema da marcha deste ano e non é unha metafora como a dos adoquíns de maio do sesenta e oito francés porque moitos e moitas que o sábado con moito esforzo pola idade van a estar na marcha fixérono de novos e novas pero para bañarse na praia de Praceres agora soterrada pola fábrica. Igual que non é metafora que debaixo dunha lousa de cemento do paseo de Valle Inclán en Campolongo vai un río fermosísimo sabémolo porque moitos dos que imos estar na marcha bañámonos nel.
Agroman novos tempos na política e a cidadanía témonos que ver se queremos que algo cambien. Ninguén vai dar nada que non gañemos e loitemos por elo, aínda que teñamos todas as razóns, temos que saír á rúa. Temos o exemplo dos pensionistas, xente maior que tivo que pedir o que era de xustiza. Agora tócanos a nós, se queremos sacar a Ence da ría non podemos deixar nas mans dos políticos e ecoloxistas e quedarnos na casa ou na praia. Temos que arroupalos, estar ao seu carón, que sintan o alento da cidadanía que non se rende.
Xa aguantamos dabondo moitos anos ese aldraxe na ría agardando unha solución que nunca deu chegado, moitos e moitas quedaron no camiño agardando por unha ría limpa como a coñeceron. Esta marcha seguramente será a derradeira para moita xente maior que coñeceu ese paraíso roubado. Nais, pais e avós que non querían irse sen lograr que fillos e netos algún día poidan gozar dun paraíso que aínda estamos a tempo de recuperar e que eles coñeceron e desfrutaron.
Non hai excusas. Se chove que chova, se fai sol tanto ten, agora entramos nós non podemos agardar da vontade política ou da xustiza que tamén, pero todo pasa pola nosa implicación só ca unión e a forza dos cidadáns se logran melloras. Está demostrado, temos que visualizar ca maioría queremos a Ence fóra da ría. Todos temos que mollarnos nesta loita asistindo á marcha pola defensa da ría o derradeiro sábado.
Vémonos o sábado na marcha, temos que demostrarlle ao novo goberno que non imos parar ata lograr unha ría limpa con Ence fóra dela, aínda que xa nos vaia custando traballo e teñamos que camiñar paseniño e collendo folgos a cada intre, debémosllo a toda unha xeneración que leva loitando toda a vida sen renderse. Imos recuperar as praias que roubaron, imos ir a carón dun barquiño de papel que leva trinta anos navegando na loita pola defensa da ría sen afundirse. Nos mellores soños xa albiscamos un abrente de praias liberadas e campos de mapoulas e de lirios nunha ría sen contamiñar.