Marta Rodríguez Engroba
De verdade sodes quen de durmir tranquilos?
Unha vez máis comezo a escribir desde a impotencia máis absoluta. Teño un nó no estómago que fai que me falten folgos,
De novo a historia se repite. De novo o silencio cómplice, a hipocresía, as escusas baratas, axudaron a un malnacido a quitarlle a vida a unha muller.
Estou a referirme a Mar, a rapaza de Las Gabias, de tan só 21 anos a que o seu ex noivo disparou un tiro na cabeza, un tiro que din, despois de facerlle a autopsia, que non foi accidental… Sorpresa!. Pero claro, cando se trata do asesinato dunha muller, xa se sabe, sempre hai que ser moi cautos, por máis que as evidencias falen por si mesmas.
A presunción de inocencia do que agrede ou mata a unha muller, da igual que o faga en privado ou no medio da rúa a vista de todo o mundo, sempre hai que respetala por riba de todo, mesmo por riba da vida da muller, do mesmo xeito que se dan centos de rodeos para determinar un crime destas características como un caso de violencia de xénero.
Isto xa é grave, sen dúbida algunha, porque dí moito de cómo as leis ese sistema que tanto nos protexe, seica, as mulleres, valoran a violencia machista, por máis vidas que se cobre, pero no caso de Mar, como no de tantas outras mulleres que antes que ela deixaron as súas vidas nas mans dunha mala besta, e perdoádeme se perdo os papeis, pero sintoo, non se me ocorre outro cualificativo máis adoitado, hai algo máis que non ten perdón, se mire por onde se mire, e que, a min, persoalmente, non soamente me da arrepíos, senón que me fai ir perdendo pouco a pouco as esperanzas de que esta masacre de mulleres remita algunha vez.
O asesinato de Mar estaba anunciado. Era cuestión de tempo que sucedera. Un asesinato que, como moitos máis, puido ser evitado, pero non se fixo nada para acadalo.
A contorna de Mar era perfectamente coñecedora do calvario que estaba a pasar a rapaza... Sabían con certeza que era maltratada tanto durante a relación como despois de tentar rompela, pero ninguén fixo nada.
Non sei expresar con verbas o que sentín cando vín e escoitei a algunha das amigas de Mar contando sen reparo algún e con toda tranquilidade o inferno da rapaza diante dunha cámara, con todo luxo de detalles.
O acoso ao que a sometía, o medo que ela tiña, a dificultade para romper unha relación que se consumou co asasinato de Mar, pero que había moito tempo que a estaba matando día a día.
Mar, como toda vítima de violencia de xénero, calaba, agochaba a súa dor, o seu pánico, e estou segura de que pensou nalgún momento que podería chegar a cambialo, e que mesmo se culparía de non ser quen de conseguilo.
Este era o seu segredo, un segredo a voces que os que dicían querela, os mesmos que acudiron a concentración na memoria da rapaza, que gardaron o minuto de silencio, coñecían desde había moito tempo, pero ninguén fixo nada.
Para min é, e desculpádeme unha vez máis, absolutamente noxento ver a unha das amigas da rapaza disfrutando, como adoita suceder en moitos casos semellantes, do seu momento de gloria diante dunha cámara, relatando o sufrimento que Mar pasou, un sufrimento que lle costou a vida, e que ela, como todos os demais, non foi quen de denunciar.
Falan agora, cando a súa amiga é un nome máis na tráxica lista de mulleres asasinadas. Dín algúns medios, e isto xa é sangrante, agora, cando a traxedia xa se consumou, que mesmo lle fixeron chegar a nai de Mar varios whatsapps ameazantes dirixidos a rapaza polo seu asasino... Agora, cando xa non hai solución!.
O pasado Mércores, de novo se convocaron manifestacións esixindo o cumplimento do pacto de estado asinado en Setembro para adoptar medidas, din que efectivas, contra a violencia de xénero, sobre todo no eido orzamentario.
A min paréceme moi ben todas estas movilizacións, claro que sí, pero as casas non se constrúen comezando polo tellado, iso é obvio.
Como pretendemos convencer a un goberno que, a vista está, considera a violencia de xénero como un problema secundario, que non urxe atender e menos ainda arranxar, se non somos quen de traballar primeiro para que a sociedade se mentalice dunha vez por todas que calar, ollar a outro lado cando unha muller ao noso carón está a ser maltratada é tamén maltratar?
Que cando unha muller é asasinada por mor da violencia machista todos cantos sabendo, calan, tamén contribúen a matala?
A min segue a removerme por dentro ver como a sociedade non dubida en abandeirar grandes causas, en sair a rúa, en berrar, en esixir... para despois marchar cada un a súa casa e ata outra, porque claro, cando o problema o temos na porta pegada a nosa, ou mesmo dentro da nosa familia, do noso círculo de amigos, a cousa cambia. Ahí xa non berramos, xa non dicimos nada porque xa se sabe..."Son cousas de parella....", ou, "Se ela non quere denunciar, que lle imos facer? Non podemos obligala". Non, claro que non, pero ninguén nos obriga a nos a calar.
Todo o contrario. Temos a obriga de dicilo, de denuncialo.
Tampouco me serve esa escusa tan manida de "é que se eu denunciaba, sabía que ela se ía anoxar conmigo". Seguramente. Como tamén é moi probable que seguira anoxada, pero viva. Creo que a mellor opción é obvia.
Sempre o digo e non me cansarei de repetilo. Predicar é moi doado. Dar trigo xa é fariña doutro costal. De nada serve sair a rúa, berrar, se facemos oidos xordos ao que acontece ao noso carón.
O que sí é, sen ningunha dúbida, e moito máis cómodo, iso por descontado.
Comecemos primeiro a tentar facer o máis elemental, que é mentalizarnos de que loitar contra violencia de xénero é unha obriga de todos e cada un de nos, e, por suposto, levalo a práctica.
Que de nada serve, ou de moi pouco, lanzar consignas na rúa mentras no noso día a día facemos todo o contrario do que berramos, porque isto, nos guste ou non admitilo, está a acontecer, e por iso mesmo, porque se fala moito e se fai pouco, o mesmo que aos amigos de Mar, a todos cantos sabendo calades, eu pregúntovos, de verdade sodes quen de durmir tranquilos?
Asociación Si, hai saída