Manuel Pérez Lourido
Rajoy sintonizado
Persistindo nun acto guiñolesco que parece responder ao libreto dalguén coma Chiquito de la Calzada, compareceu Mariano Rajoy Brey diante dos medios tras dous meses in abstentia. E compareceu tamén in abstentia, claro, teimudo nun modus operandi de escapista. Temos un presidente catódico que cada vez aseméllase máis ao que pintou Rodrigo Cota no seu recente libro. Só faltaba ver ao fondo a Tito Nogales. Ou, nun fallo coa desconexión, ao mesmo Rajoy recollendo os papeis e marchándose permitindo que entraran en foco as súas pantuflas.
Un non entende por que despois dunha salientable comparecencia (aínda que a fixera esperar) en rolda de prensa polo tema Bárcenas, o noso presidente escolleu poñer por diante a Floriano ou a Cospedal e mesmo un electrodoméstico coreano. Tendo en conta o papelón que fixeron tanto o primeiro (só lle faltou a boina do Floreano de Gogue) e a segunda (qué difícil é explicar algo que non se quere explicar). Gañador: o televisor de plasma.
Vese que Rajoy decidíu manter a estratexia que o levou ao éxito político: a táctica dilatoria, a pose de don Tancredo. Así non se goberna un país, os críticos. Así non se mete a zoca tampouco, pensa el. Eu, que son un mediocre de libro, por catro ou cinco universidades ademáis, polo menos non me meto a político. Pero o noso sino é aturar aos Josemaris, José Luises e Marianos de turno, aos que un día lles choveu na cabeza que poderían levar un país adiante, e ademáis un país coma o noso. Case estou convencido de que das entrañas dun partido político non pode saír un presidente coma Deus manda: habería que pasar dúas ou tres oposicións e un riguroso exame psicolóxico e un test de aptitudes, coma se dunha empresa importante se tratara. Porque, claro, partimos da base de que a nosa nación é unha empresa que paga a pena.
Non sei, diante da prontitude do outro "o noso presidente", o máis decidido e náutico Alberto Núñez Feijoo, en saír a palestra despois de saír en bañador nunha foto, un di: así sí, machiño. Despois faise o indignado, minte ou trabúcase nas datas, sofre lapsus xeográficos, etc, pero polo menos dicho á cara. Se tivese que levar un zapatazo, coma Bush, tamén saberíamos como anda de reflexos.
A sensación de desalento é grande. Atravesar este deserto da crise e da corrupción, galopantes ambas, desquiciantes ambas, e comprobar que o guía da expedición non responde a unha soa pregunta. Estamos apañados.
10.04.2013