Teresa Casal
Outra semana mais, e van
Pasamos da semana de paixón a semana de chascareillos e chanchullos. Dende o luns coas fotos de Feijoo e a cremiña, ata o mércores coa a familia Borbón descuajeringada, pasando pola rolda de prensa (?) plasmada de Rajoy, as declaracións de Montoro, a comparecencia de Griñan. Que estamos nun sinvivir e "tan alta vida espero que muero porque no muero", que diría o poeta.
O cidadán de a pé non sabe si rir ou chorar ou tirar polo camiño do medio e deixar para sempre xamais de ler a prensa, escoitar a radio e ver a televisión. Pechar os ollos forte como cando eramos cativos e desexar moito, moito que todo sexa un sono, que nada desto sexa certo. Eu facíao así cando algo non me gustaba e pensaba que si o pedía con moita intensidade, cambiaríase. A vida xa me aprendeu hai tempo que nada é tan sinxelo e que o que queda é apertar os dentes e tirar para diante por riba de todo.
Así que penso que hai que tomar as rendas. Non señor Rajoy, a súa alardeada maioría absolutísima non lle da dereito de pernada para fastidiar a xente e agacharse entre os seus numerosísimos deputados sen contestar as lexítimas preguntas que moitos queremos facerlle, non lle da dereito a mentir e xogar coas esperanzas de tantos e tantas, dicindo que no 2014 xa pasará todo o malo sen dar unha soa pista do que vai facer para que iso ocorra. Vostede mesmo deslexitima a maioría que conseguiu prometendo felicidade e dando, despois sufrimento.
Maxestade, que marca España está a representar vostede agora? Neste pais tan permisivo sempre cos homes un pouco "calaveras", onde si un home é mullereiro é porque é un machote e, pola contra a muller é unha fulana nas mesmas circunstancias, nunca importou o seu comportamento nese senso, eu teño escoitado iso de que "é que é un Borbón". Pero agora falamos doutras cuestións. E xa sei que me dirán que culpa ten o pobre de que lle saíra un xenro atravesado? Pois, cando menos, a culpa "in eligendo" ou "in vigilando" que estudabamos na carreira. Non si?
Xa sei que iso que digo de tomar as rendas pódese entender de moitas maneiras e xeitos distintos. Eu falo de iniciativas populares, falo de que a xente da rúa sexamos conscentes de que o poder que empuñan os que nos gobernan é un poder delegado por nos, polo pobo de España, ningún está aí pola graza de Deus, como proclamaban as moedas de Franco, nin sequera a máxima maxistratura do pais, o Rei. E si hai que cambiar leis, e mesmo a Constitución e os que nos gobernan non son quen de facelo, haberá que inundar o Parlamento español de iniciativas lexislativas populares que fagan posible que eses cambios se produzan. Algo se está a mover no tema das hipotecas, algo mais haberá que mover na lei electoral, e na responsabilidade civil e penal dos dirixentes polos seus erros na toma de decisións, e das grandes financeiras, e no desenvolvemento de temas que na Constitución están só enunciados a espera das leis que os regulen polo miúdo.
Utópico o que digo? Quizais, mais ós grandes cambios sociais naceron as mais das veces de visionarios e de xente corrente que tivo un sono e pelexou por él ata o final.
5.04.2013