Teresa Casal
Unha de romanos
Hai uns cantos anos, nos tempos da chamada polo franquismo "democracia orgánica", a Semana Santa significaba música clásica na radio, e películas "de romanos" no cine. Sabina describe maxistralmente o que digo na canción cuxo título estou a copiar hoxe.
En Pontevedra, como no resto de España, era realmente tempo de paixón, a diversión estaba prohibida e se te daba por cantar, porque si, sempre había alguén que che lembraba o tempo que se estaba a vivir e case que che facían sentir culpable sen saber moi ben porque. A única diversión, pasear arriba e abaixo a rúa da Oliva e, se chovía, os soportais e as galerías, cruzarse en algunha das voltas co rapaz que te gustaba e intercambiar un sorriso e, cun pouco de sorte, pararse a falar e continuar o paseo co teu "refresco" ao teu carón.
Hoxe en día é a TV a que che fai recordar que estamos en semana santa, volven poñer todas as peliculas de entón: Ben Hur, Os dez mandamentos, Quo Vadis, A Biblia, etc. Pero tamén os telexornais e programas informativos fancho lembrar, non só polas tardes enteiras retransmitindo procesións ou as bágoas da xente cando a choiva non permite que se celebren, senón polas novas cotiáns. Falan de nazis, de xudeos marcados e masacrados, de Eta e os seus tremendos atentados. Sae a Señora Cifuentes que a min recórdame a Srta. Pepis e os seus maletíns, senón fora polo mal leite que ten, e sen rubor algún criminaliza as plataformas de afectados polas hipotecas. Sae González Pons e sobe o ton das descualificacións contra os afectados. Tanto unha como o outro esquecen os apoios e ánimos que daban os que berraban e acosaban, segundo o seu linguaxe actual, os membros do goberno anterior. González Pons en 2011, dicía aquilo de "cuando el pueblo quiere, puede y el pueblo español quiere" facendo comparacións con Exipto. Claro que cando o pobo quere cousas distintas das que a el lle parecen ben, o cantar ten outro son moi diferente.
Os corifeos dos medios máis abundantes neste pais, os "ultracentristas", elevan dun xeito inusitado os berros, insultan e inxurian e se lles enche a boca con verbas incendiarias contra os cidadáns que están a padecer as consecuencias desta longa crise e non atopan por ningures resposta ás súas preguntas.
Porque, quen está a sofrir os desafiuzamentos? Quen se queda sen os aforros? Quen non ten traballo porque non o hai? Quen ten que pechar os seus negocios porque ninguén entra neles? Os cidadáns deste pais, os que perden o emprego e non poden pagar a hipoteca, os que traballaron e aforraron o que puideron toda a sua vida e, agora de vellos, ven como lles din que non teñen nada, os sufridos pensionistas, os comerciantes, os mozos que lles prometeron todo se estudaban e se preparaban ben, e se teñen que ir fora porque aquí non hai nada para eles.
E que hai que facer? Sufrir e calar? Non ter nin para comer e sorrir? Pois non. Hai que protestar e ben forte, e hai que reclamar solucións e xustiza e hai que incordiar moito porque hai veces que non queda outra e estes intres son un bo exemplo de que non queda outra. Asi que señores e señoras importantes e mediaticos, non se sulfuren tanto porque este pobo que tanto desprezan, se lles suba un pouquiño ás barbas xa que realmente non hai nada máis, sigan disfroitando das suas merecidas vacacións e vivan a fondo a Semana Santa española que volve polos seus foros.
29.03.2013