Manuel Pérez Lourido
O fútbol e a canción lixeira
Hai un debate peculiar estes días na prensa seria e na outra, na deportiva. De feito arrancou nesta, que recolleu a impactante, espectacular, inusitada nova de que certos xogadores da selección gala de fútbol non cantaron a Marsellesa nun Francia-Georgia. O porteiro sempre pode dicir que el négase a cantar por motivos profesionais. Benzemá, natural de Lyon pero de ascendencia arxelina e de nome Karim, declarou que el nunca ía cantar o himno e apuntou que había afeccionados que tampouco o cantaban (vese que tiña a boca pechada pero non os ollos). Con máis rapidez que o xogador ao volante do seu deportivo, o frente nacional de Le Pen atacouno pola súa deserción canora. O debate estaba servido.
A Marsellesa naceu dentro do exército co título de Canto de guerra para o exército do Rin, converténdose nunha canción de marcha. Non hai cousa mellor para arrancar un partido de fútbol.
O caso é que a cousa ven de lonxe, de feito Benzemá, a falta dun filósofo, literato ou premio nobel da paz que citar (seguramente por non apabullar), aludiu a outro xogador de orixe foránea, Zinedine Zidane, quen tampouco cantaba cando soaba o himno.
A nosa selección nacional non ten ese problema. Imaxinan que a nosa Marcha de Granaderos (a nós tamén nos vai a marcha) tivese letra? Que pasaría se un xogador vasco, catalán ou (máis estatísticamente improbable) galego non a cantase? Tamén podería cantala traducida ao idioma de seu... ai!, cantas posibilidades de que se montase unha boa verbena, tamén aquí, que se perden! Aquí o que se fai é mirar con lupa que fan os xogadores da selección cando soa o himno, non sexa que collamos a un vasco co dedo no nariz ou a un catalán tocándose os cataplines. O que máis se leva e poñer cara de póker, seica practican nas concentracións xogando á pocha (así lles sae).
O certo é que isto dos himnos e os himnarios é un tema apaixoante, sobre todo para cando non hai outra cousa mellor que facer que, tratándose do fútbol, é moi a miúdo.
27.03.2013