Teresa Casal
O novo Papa
O primeiro que me chamou a atención do novo Papa Francisco, foi algo que o principio non souben definir. Cando vin as imaxes no balcón pareceume que estaba vestido dun xeito mais austero, menos ampuloso do que estamos acostumados. Logo dixéronme que era que non levaba estola e a cruz non era de ouro, senón a mesma que tiña como cardeal, que polo visto, é de prata. Xa digo que a min causoume unha impresión como de mais pobre, se es que se pode falar de pobreza no entorno do Vaticano onde todo relumbra pompa e boato e é o menos semellante a corte onde din que naceu Xesús.
E xunto a esa impresión, viume a cabeza a lembranza de Xoán XXIII. Non se parecen fisicamente en canto a volume e altura, pero si algo hai na faciana deste Papa que a min se me asemella o chamado Papa bo.
Eu estaba no colexio de monxas cando Xoán XXIII exerceu seu pontificado e, seguramente por elo, foi o Papa do que estiven mais enterada, sobre todo porque seu Concilio Vaticano II promoveu unha serie de cambios nas monxas.
A Congregación do Sagrado Corazón de Praceres era de "media clausura" é dicir as monxas non saían mais alá do piñeiral que rodeaba por unha banda a finca doada no seu día por Montero Ríos para a actividade docente. Comían elas soas, nunca coas alumnas. E o hábito que levaban tiña unha toca que lles sobresaía todo arredor da cara polo que só podían ver de fronte, algo así como o que se lle poñía os burros para que non se desviaran do seu camiño.
Cos cambios que trouxo o Concilio, quitaron o hábito e as tocas e levaban roupa normal, tipo "teresiana", como dicíamos nos entón, que non era mais que saias, xerseis e chaquetas grises, normalmente moi austeras e tremendamente tristes. Vamos, como o goberno que temos agora, pero en serio. Empezaron a comer coas rapazas no comedor que se chamaba alí "refectorio" e xa ían e viñan a Pontevedra e mais lonxe.
O mais chamativo foi que mercaron un coche que manexaba a "Madre Carmen" a mais boa, simpática e moderna do todas as monxas que eu coñecín na miña vida, e a que adorabamos todas as colexialas. Ela era a encargada das antigas alumnas e tiña un cuartiño donde as recibía e falaba con elas. Nunca esquecerei cando aínda sendo estudantes de Preuniversitario, invitounos a esa saliña. Ofreceunos un grolo de guiski, co que apenas mollamos os beizos, falamos e cantamos cunha guitarra que ela tocaba moi ben e deixounos ata fumar un pitilliño para todas! Bendita Madre Carmen. De feito era a única que lle chamabamos polo seu nome, as demais faciámolo polo apelido.
Souben moito despois que trasladarana a Santiago a unha Residencia de estudantes e axudou a moitos estudantes na época do espertar da concencia social e política dos universitarios/as composteláns. Desto entereime hai pouco, cando viu a Pontevedra o ex Ministro de Cultura Molina, e marchou a todo correr porque díxome que tiña que ir visitar a unha monxa de Praceres, ante a miña estrañeza, contoume o papel da Madre Carmen non só con él senón, entre outros, con Areces o ex presidente de Asturias, os que algunha vez tiña escondido para protexelos da policía franquista.
E xa vexo que me fun completamente do tema co que empecei, podería dicir que se me foi o santo ó ceo, claro que eu, como xa dixen non sei moito de Papas e Pontificados, pero o que si sei é que Xoán XXIII foi unha boísima persoa e fixo ben as cousas, incluso doulle un pouquiño de relevancia as mulleres na Igrexa, mentres que os que lle seguiron no mandato mais ben deron pasos para atrás. Por elo desexo que este Papa Francisco se pareza cada vez mais o seu antigo antecesor e a miña benquerida madre Carmen.
22.03.2013