Manuel Pérez Lourido
Cousas que non poden faltar nunha casa
Temos os nosos fogares cheos de cousas, e non sirve de nada botarlle a culpa as tendas de trangalladas que levan os cidadáns chineses. A culpa é nosa que temos moito vicio de encher a casa de cousas. A maior parte son prescindibles, outras simplemente inútiles. Pero hai un pequeno feixe delas que mais nos vale non perder de vista. Cousas que precisaremos nun momento o noutro, elementos que teñen que estar aí polo que poida pasar, que sempre pasa. Falemos delas, polo menos das máis importantes dentro dese grupo.
Cepillo do váter: sirve para o que sirve e úsao sempre outro ou outros distintos a un. É unha icona do cuarto de aseo, unha figura totémica e votiva que ocupa un lugar humilde pero dende o que nos contempla sempre con ollos chorosos e moita, moita paciencia.
Alcohol: dese e mais do outro. Para curar as feridas do corpo e as do corazón, respectivamente. Fundamental non confundir un co outro.
Abridor: relacionado cun dos principais usos do elemento anterior. A súa falta pode conducir á desesperación, os berros desesperados, á maldición dos veciños que non están na casa cando se lles precisa, o pranto, os ouveos e mesmo o suicidio.
Cinta americana: non pode ser galega ou española ou dos chinos (esta nunca é americana). Precísase sempre cando non a hai, por iso hai que tela (para non precisala). Ten tantos usos posibles que habería que facer unha enciclopedia con eles.
Aspirinas: imprescindibles para poder durmir ben de noite, sen ter que preocuparte de non poder durmir por que che veña unha dor de cabeza e non ter aspirinas.
Porta: elixida como elemento imprescindible número un en Lepe e comarca.
Chave: os de Lepe sempre esquecen nomeala como segundo elemento máis imprescindible.
Lanterna: obxecto a punto de pasar a mellor vida trala invención da app “lanterna” e a súa inclusión, de balde, no google Play.
Papel hixiénico: o papel que deixa de ser hixiénico unha vez que cumpre a súa función e do que nos procuramos desfacer axiña. Sirve tamén para festas e celebracións, sobre todo as futbolísticas.
Sal: elemento que non pode faltar sobre todo se non tes veciños.
Acendedor: aínda que hoxe todo vai por electricidade, nunca se sabe cando podes querer prender lume, nin a que.
Amor e humor: pouco mais fai falta.