Antón Roel Villanueva
Votar polo noso carballo
Velaí está a nosa árbore máis senlleira. Loce máis nova e remozada ao saber que foi proposta a árbore europea do ano. Reverdecen as súas follas e enche o chan de landras para deixar semente de futuro e rechouchían os paxariños pousados nas súas pólas. Agora de vello, con máis de cincocentos anos de vida na súa memoria garda gran parte da nosa historia testemuña de feitos, xuramentos e promesas que leva o vento, feitas ao seu carón coma un vello olla orgulloso, como medra vizoso e, como pásalle en altura o seu herdeiro, como se fose un neto o carballiño que foi prantado o ano do seu valedor, o Pai Sarmiento.
Agora de vello, séntese querido despois de moitas aldraxes sofridas ao longo do tempo. Compite con árbores moito máis novas que el pero el vai paseniño, vai terceiro e ao mellor é que sente o alento e pulo de moita xente que vota por el e agarda ser o primeiro e aínda que non sexa recoñecido en Europa sábese querido e admirado por todos os galegos e galegas de corazón.
Séntese feliz ao saber que na derradeira xornada de limpeza do río dos Gafos outro dos tesouros que nos agasalla a natureza e como el foi agridido e abandonado por todos nós. Uns voluntariososo mozos e mozas da asociación Xoán XXIII levaron landaras do vello carballo e as prantaron nas orelas do río onde medran as mapoulas e na carballeira do poeta Manuel María, que dicía que os nosos carros do país tiñan que ser feitos de carballo e freixo, para que agromen co tempo e espallen a semente da nosa árbore máis senlleira.
Imos darlle un pulo e votar a candidatura na páxina de internet de árbores singulares de España para que o noso carballo teña o recoñecemento que merece aínda que nós xa o teñamos claro pero para a súa protección é moi importante que saise elexida esta árbore de troncos retorcidos, o monumento da natureza máis querido por todos os galegos e galegas bos e xenerosos, que aínda non naceu o vento ou lóstrego que sexa quen de dobralo.