Antón Roel Villanueva
O estanque dos parrulos
Os PTV na infancia e adolescencia tiñamos tres baños iniciáticos, o primeiro era o Domingo de Ramos cando estreabamos a roupa nova para todo o ano e iamos coas nosas nais desde os barrios, cando a cidade era o centro, para lucirnos na pasarela da Praza da Ferrería e xogando caiamos entre as pombas no Estanque da terraza do Carabela. Outro era cando xogando e dándolle pan aos patos no Estanque das Palmeiras caiamos nel. Tamén nese espazo no Estanque Pilón xa de estudantes no Valle Inclán cando finalizaba o curso e para celebrar as notas bañabámonos ou nos empurraban. Era o noso bautismo de cidadáns da capital, despois xa podía chegar o futuro que estabamos preparados.
O xogar no Parque das Palmeiras para os rillotes dos barrios da cidade era unha aventura, as gaiolas dos pavos reais cando estendían a súa plumaxe de cores do arco da vella era un espectáculo para nós que nunca viramos, había varias paxareiras con toda clase de paxaros tropicais que nos deixaban asombrados, tamén a gaiola da mona que era a estrela do parque á beira do Estanque dos Patos que tiñamos que ter moito coidado cando lle dabamos os manises pois nun descoido collíanos a man. Todos nalgún momento fixemos o noso primeiro retrato nos fotógrafos da rúa que se poñían a carón do café Blanco e Negro. Nas Palmeiras daquela había un vixiante que alcumabamos Matagusanos que sempre andaba detrás nosa para que non fixésemos travesuras, era un dos nosos primeiros medos da infancia. Ao abeiro das ramas dos xigantescos cedros pelexabamos por un sitio nos solicitados columpios, os únicos da cidade.
Na adolescencia pasou de ser unha aventura a espazo das primeiras relacións e os amoriños primeiros cando aínda os institutos estaban separados por sexos no medio dos recreos producíase o encontro. No verán, durante as Festas da Peregrina, no centro das Palmeiras poñíase sempre un carrusel de autos de choque e alí iamos as pandillas para escoitar todas as novidades musicais e a ligar se podiamos. Alí descubrimos que os nosos ídolos da adolescencia non eran inmortais e viamos como perdiamos ao noso amor platónico Janis Joplin, tamén Jim Morrison e Jimmy Hendrix deixábannos orfos de referentes, logo virían outros pero xa non era o mesmo. Sentados cun tocadiscos de pilas pasabamos o noso tempo de lecer nun banco de pedra á beira dos azulexos de Carlos Sobrino nunha xanela aberta ao mar antes do aldraxe da Ponte da autopista, naquel recuncho escoitabamos as charlas de filosofía e da vida do noso gurú da contracultura Adonis, un personaxe entrañable dos moitos que nos acompañaron na infancia e adolescencia, Neno, Manoplas, Balan, Ino, Xabalina, a Emperatriz, etc.
Xa máis concienciados cando os ventos estaban a cambiar e traían berros de liberdade un alcalde quixo cambiar o noso Parque das Palmeiras por outro modelo inglés creo que era. E alí fomos as pandillas que sempre estivemos en guerra cando o barrio era o mundo e defendiamos a pedradas as fronteiras do noso territorio as Palmeiras era o lugar onde nos citabamos para arranxar as nosas diferenzas ás saídas dos cines Malvar, Coliseum ou Victoria, pero cando soubemos do aldraxe deixamos atrás as pelexas e todos unidos fomos a protestar para que non cambiasen o noso Parque das Palmeiras de sempre un espazo de referencia entrañable para moitas xeracións.
Queda para setembro a exposición de fotos daquela época na que Meli Fandiño fainos cóxegas no corazón ao remover no fardel da memoria cando o mundo era o barrio e os estorniños voaban ceibes nun ceo de cor laranxa no tempo do pan de figo e leite en po, cando as mercerías eran tendas de fíos e os súper eran tendas de comprar ao fiado.