Antón Roel Villanueva
Na busca da planta Orella de Rato
No ano 1755 o Pai Sarmiento atopou unha planta descoñecida ata entón nas frondosas marxes do río dos Gafos e deixou constancia dela cunha descrición e debuxos nuns manuscritoes e atendendo as características e debuxos, así como o lugar onde foi ataopada o botánico F. Javier Silva Pando pensa que a citada planta ten que ser a Orella de Rato, posteriormente catalogada e publicada por Person no 1797 e deulle nome Myotosis Discolor polo que se deduce que Sarmiento a descobriu con anterioridade.
Un fato de homes mulleres e nenos convocados pola asociación Vaipolorío guiados por Calros Solla, F. Javier Silva Pando e Amancio Castro, xa sen tempo non era, saimos na busca da planta Orella de Rato río arriba onde transcorre máis limpo e menos contaminado, buscamos polas orelas verdecidas e nas brañas o lugar do río que permanece máis virxe case como no tempo de Sarmiento, atopamos moitas plantas que sobre todo os urbanistas como eu non coñeciamos ou tiñamos esquecidas tamén moitas delas mediciñais das que utilizaba o Faracho e outros curandeiros, fixen un pequeno rasguño e despois de moitísimo tempo voltei a utilizar a Cilidonia que as nosas nais recollían nos balados e nas orelas do río para curar as feridas pois é un cicatrizante moi bo, así como outras herbas que as súas bondades e beneficios para a saúde se transmitían oralmente nas corredoiras e nos muíños.
O verdor da herba e as árbores, as xestas, lirios e narcisos en flor e o rechouchio dos paxaros xunto ao marmurio do río que baixa con moi pouca auga pola falta da choiva, lonxe quedan os tempos das sete enchentes no ano. Era como estar ollando un cadro de Van Gogh e escoitando unha melodía de Mahler. O botánico Pando con moita paciencia ía recollendo as plantas que nós íamos apañando e parecianos raras, con moita paciencia ía colocándoas entre as follas dun xornal nun carpaz similar ao que utilizaban os naturistas do tempo de Sarmiento para logo estudalas máis de vagar.
Nunha pradeira a carón dun Estrigueiro que se pensa que a árbore máis vello do río no lugar onde segundo detallou no manuscrito Sarmiento atopou a planta, quedei abraiado ao atopar entre as herbas moi altas as fermosísimas mapoulas en flor, moi abondosas antano en prados e leiras e beiras dos ríos e que había tempo que non ollaba ventureiras na natureza.
Despois de dúas horas pateando o río non a atopamos, pero a ninguén lle importou moito pois o paseo valeu a pena, seguramente a Orella de Rato despois de presentárselle a Sarmiento pensou que nós non tiñamos categoría e iso que Calros Solla que coñece todos os seres que habitan no río por algo e o seu cronista invocou unha Moura que fecuenta unha poza no Gafos pero nin con esas. Tamén pode ser como alguén apuntou que co cambio climático, os pesticidas, a contaminación e demais aldraxes que se lle fixeron ao Gafos acabaramos con ela, pero nós imos seguer buscándoa porque, se existe, seguro que ten que estar no Gafos... Onde ía estar se non.