Ramiro Espiño
"Antes morrer de pé que vivir de xeonllos"
"Antes morir de pie que vivir de rodillas". Sinónimo de loita, de rebelión ante un destino escuro. Frase célebre que moitos atribúen erroneamente ao "Che" Guevara, que en realidade fixo unha variante da orixinal ao dicir: "Prefiero morir de pie a vivir arrodillado". Desa versión máis recoñecida e utilizada a autora foi unha española lendaria, Dolores Ibárruri "La Pasionaria", presidenta do Partido Comunista de España, de nome real "Isidora", que a pronunciou durante a Guerra Civil, cando o "Comandante" tiña ao redor de 7 anos.
Claro que outras fontes sinalan que "La Pasionaria" puido tomala prestada de Benito Juárez, ex-presidente de México no século XIX, o cal citou literalmente: "Es mejor morir de pie que vivir de rodillas", mentres que outros a atribúen a un dos líderes da revolución mexicana, Emiliano Zapata, quen á súa vez a tería encontrado escrita nun muro, ou ao xornalista e político cubano José Martí.
Sexa como sexa e quen sexa o autor da frase, non teman que non falarei de guerras, guerrillas nin sequera batalliñas...Bueno, desas pode que si, á fin e ao cabo de "historias" se compoñen moitas das historias do noso día a día.
Porque "batalliñas" son as que leva vivindo o Pontevedra dun tempo a esta parte. "Batalliñas" que levan ao club a unha deriva constante, a deambular dando bandazos cara a non se sabe que incerto destino.
E é que o peor que lle pode suceder a unha entidade deportiva é que a súa masa social, os seus seguidores, perdan a ilusión, deixen de interesarse polo presente e futuro do club...y camiño diso imos, a pasos acelerados, sen que a ninguén dos que gobernan? actualmente a nave pareza importarlles.
Con xogadores e empregados sen cobrar dende mediados de novembro. Con presuntas campañas de socios de segunda volta limitadas a un cartel sen maior repercusión, baseadas na "luminosa" idea de dividir a metade a cota anual, sen maiores alicientes. Cun alarmante descenso xornada a xornada do número de espectadores en Pasarón, sen que se intente polo menos a máis mínima acción para atraer público. E cunha traxectoria deportiva errática, non só dá a sensación de falta de ideas, ganas, intención e recursos para emendar o panorama, se non que a ningún dos "figurantes" actuais parece importarlle o que pase nin onde conduce todo ésto ao club.
Quedan dous días para o 20, data fixada por quen ata agora parecía postularse como candidata a ocupar a cadeira de brazos presidencial, para adoptar unha decisión definitiva sobre se asumiría o leme ou non. Só dous días que non obstante apúntanme poderían sufrir un novo aprazamento e seguiría pospoñendo un relevo que se antolla xa non necesario, se non imprescindible.
Lupe Murillo, sexa ela ou calquera outro que decida dar o paso á fronte, debe facelo canto antes. A situación do Pontevedra non admite máis demoras, a risco de que se converta en irreversible. Quen asuma o leme que o faga contando co respaldo unánime de todos os que queren o Pontevedra, e non me refiro aos intrusos de novo cuño.
Por diante o primeiro e imprescindible reto é xuntar esforzos e vontades. Conseguir que volvamos sentirnos orgullosos do noso club, independentemente da categoría deportiva na que milite. En definitiva, que poidamos mirar o futuro con polo menos un moderado optimismo e a ilusión de regresar ao lugar que por historia nos corresponde.
Calquera cousa menos o profundo burato actual. Calquera cousa antes que morrer, pero non xa de pé, se non como o estamos a facer actualmente, de xeonllos e avergonzados.
18.02.2013