Tribuna Viva
Manifesto do Concello de Pontevedra no Día Internacional contra a Violencia de xénero 2016
Un ano máis, a corporación municipal, súmase ao chamamento de Nacións Unidas de conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres.
Máis de 800 mulleres foron asasinadas no Estado español polas súas parellas ou ex parellas desde o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais. A violencia de xénero é unha violencia que se dirixe contra a muller polo feito de selo, ao ser considerada polos seus agresores como persoas carentes dos dereitos de liberdade, respecto e capacidade de decisión.
É unha forma de terrorismo ao que a cidadanía debe responder e non permanecer impasible. É unha terrible lacra social á que todos e todas temos que facer fronte.
Cremos e defendemos a igualdade entre mulleres e homes como principio fundamental. O noso compromiso contra a violencia de xénero é firme.
A mocidade constitúe un grupo especialmente vulnerable á violencia de xénero, polo que é necesario que os mozos e as mozas identifiquen e rexeiten condutas sexistas que a maioría das veces, se toleran ou xustifican.
A xuventude e a poboación adolescente deben contribuír de xeito singular á fin da violencia contra a muller, e vemos con preocupación, como perciben a violencia de xénero, porque algunhas das súas relacións afectivas e sociais teñen comportamentos discriminatorios e inadmisibles, verdadeiros sinais incipientes de violencia que anticipan outras manifestacións máis graves de maltrato. Polo que teñen que ser capaces de recoñecer esas condutas nocivas para poder frealas, e deste xeito, evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro.
Se queremos evitar a violencia de xénero debemos evitar os pasos que se inician baixo as referencias dunha cultura machista. Polo tanto, para erradicar calquera forma de violencia, a solución reside na educación. O respecto, a liberdade e a igualdade son tres dos piares básicos.
É necesario seguir traballando na prevención e na sensibilización e visibilizar un problema de profundo calado social.
Por todo iso resulta imprescindible que a mocidade de hoxe en día, protagonista da sociedade do mañá, comprenda, coñeza e identifique a violencia de xénero, recoñeza os primeiros sinais da violencia e, a continuación, sexa protagonista do logro dunha sociedade libre de violencia contra a muller.
Traballemos todos e todas xuntos e avancemos unidos para conseguir unha sociedade 0 % machista.
Queda moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política para todos os espazos da actividade política e social. Por iso, tendo sido importantes a lei Orgánica 1/2014, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, despois de anos de aplicación, son insuficientes en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos. Por iso, cómpre avanzar e mellorar os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior.
Un ano máis, queremos recordar a todas e cada unha das vítimas da violencia de xénero. Mulleres con nomes e apelidos, como a veciño de Pontevedra, Concepción Reguera cunha vida truncada por unha violencia cruel exercida, precisamente, pola persoa coa que un día fora súa parella. Tamén, as familias, aos fillos e as fillas das mulleres asasinadas, vítimas tamén desta violencia.