Antón Roel Villanueva
A poesía Vaipolorío dos Gafos
Velaí a lúa grande e o río dos Gafos, por unha data compartiron protagonismo grazas á Fundación Cuña Casasbellas que no seu XII Brumario Poético quixéronlle render unha merecida homenaxe á Asociación Vaipolorío que coas xornadas de limpeza manteñen limpo o río que todos emporcamos a cotío.
Foi unha xornada moi emotiva onde o río pequeno pero enorme en historia e vivenzas para os veciños foi por un día a estrela o que é un dos ríos máis maltratados. Por fin, alguén o puxo en valor e dun dos xeitos máis fermosos, ca poesía. Baixaba onte o río paseniño e feliz cunha enchente de palabras fermosas na compaña dos paxaros, parrulos, avelaíñas, bolboretas e morcegos que, a cotío, fanlle compaña. Ata a natureza púxose dacordo na homenaxe ao río e as árbores e as follas que amarelan e caen no seu leito locen os mellores cores e se espelleaban no leito do río.
O marmurio do río semellaba música cando recitaban as poesías que os poetas adicábanlle ao pequeno río, pouco máis que un riachuelo no verán como dixo na gala Miguel Cuña, pero un río enorme cheo de fermosas historias e lendas e fonte de vida e traballo para a xente que facía a vida ao seu carón un río fermosísimo cheo de relanzos, muíños e lavadoiros que sacaron da fame a moitas familias e fixeron máis levadeira a vida noutro tempo, xérmolo de ateneos de sabedoría popular como foron nun tempo os muíños. Temos que lembrarnos de que o noso baile máis popular, a muiñeira, saíu deses recunchos de cultura popular e tradicións máis nosas.
Non podía faltar tamén a música que ofreceu o grupo tradicional Os Chichisos que, como eles din, non só fan música, tamén fan cultura con motiísimas actividades ao longo do ano como asociación cultural por unha data o río mudaba o rechouchío dos paxaros e o canto do merlo reidor por outra música.
Noraboa a Fundación Cuña Casasbellas e o Brumario Poético por encher novembro de poesía. Xa van doce anos co mérito que iso ten hoxe en día. Tamén, dende logo, para os homenaxeados, os homes e mulleres bos e xenerosos de Vaipolorío que sacan do seu tempo de lecer folgos no labor impagable que fan pola conservación, limpeza, divulgación e posta en valor do río dos Gafos. Parabéns tamén por lembrarse e por unha placa recordatorio da figura de Bermúdez de Castro, un visionario que fai moito tempo cun estudio lembrounos que o estado natural dun río e estar como estivo sempre descuberto e integrado na contorna, un agasallo da natureza que nós temos a obriga de coidalo e mantelo, tal e como atopamos para goce de novas xeneracións vindeiras.