Antón Roel Villanueva
O marmurio do río da infancia
Temos un dito na cidade... Despois da Peregrina, inverno enriba. Agora por mor da Feira Franca alongamos o tempo de verán un pouco máis. Chega setembro co madurecer das uvas, neste ano tamén co agromar das promesas electorais e a recolleita dos votos é tempo de prometer e esquecer cando os políticos se lembran de que están aí porque nós os puxemos e cando nos sorrín e están máis preto de nós.
Se o río dos Gafos, o noso río da infancia puidera pedir diría que lle devvolvesen a luz que lle roubaron ao seu paso por Campolongo onde a miña xeneración xogabamos de cativos e moita xente vivía del. Apurabamos os derradeiros baños do verán que esmorecía no río antes de principiar na escola, secabamonos cas raiolas do sol de setembro na compaña dos cabaiños do demo, as donosiñas da sorte e bolboretas. Neste tempo, o río ía con pouca auga. Tocabamos o fondo coa man e tiñamos que desputarlle espazo nas pozas ás rans, apañabamos os amorodos nas silveiras nas beiras que cas primeiras choivas escomezaban a reverdecer, gatexabamos polos frutais ventureiros na procura de pexegos e mazás pelexando cos merlos polos figos vixiando os niños dos paporubios e xilgaros que buscaban acubillo para o inverno que xa presentían, deitados na herba a secar ca morneza das raiolas do sol ollabamos o voar acrobático dos estorniños. Por certo, que sixenlo foi exterminar na cidade uns paxariños tan cativos. Non é tan doado. ao perecer, facer o mesmo cas gaivotas.
Sería bo que alguén se lembrase na campaña electoral do río dos Gafos o que máis agresións sofre e aínda que non sexa prioritario que prometera devolverlle a luz que lle roubaron e se destapase o tramo cuberto en Campolongo, que o río fose un aula de natureza aberta para a comunidade escolar que os cativos non teñan que descubrir en internet a beleza dun río que teñen ao seu carón. Que se retire a cancela e o camiño de cemento que non leva a ningures na carballeira que os veciños adicáronlle a Manuel María, poeta da natureza. Que se arranxen os bancos e as pasarelas de madeira. Que retiren as árbores e as pólas que murcharon e caeron no leito. Que este limpo, sen lixo. Iso xa tiña que ser cousa de todos nós. Niso non podemos botarlle a culpa aos políticos. Somos os veciños e as xentes que pasean e desfrutan del a cotío e que vai cos cans quen temos a obriga de mantelo limpo.
Que se recupere algún dos muíños para facer un museo etnográfico da historia do río dos Gafos. Que se recuperen espazos que lle foron roubados ao río para desfrute da cidadanía. Que se recupere o xardín do edificio de Sanidade e cunha ponte de madeira se una ao paseo. Que o espazo que hai a carón de Ponte Boleira entre a avenida de igo e a rúa Fernández Ladreda se recupere e sexa acesibel para desfrute dos veciños da contorna e que agora soio é un soporte para valados de publicidade. Que se talen as árbores e as herbas que non sexan autóctonos.
Como non todo vai ser negativo, quero dar os parabéns en nome do río á Deputación e ao Concello por vir de aprobar os orzamentos para o saneamento integral dos Gafos. Oxalá asiña comecen as obras.