Teresa Casal
Palilleiras
Hai case un ano, pedíronme que lese o pregón na xuntanza de palilleiras que a asociación "A Feitiña" celebra desde hai uns cantos anos en Pontevedra. Nunca me vira en outra así que púxenme a elo coa miña mellor vontade. Estes días nos que só se fala de papeis negros, de corrupción, de luxos orientais para uns poucos e miseria para a maioría, pensei copiarme a min mesma e falar de algo bonito e que a min sempre pareceume cousa de maxia.
Que duns fíos e uns alfinetes duns paus e unha almofadiña poda acadarse a filigrana marabillosa dun encaixe para adornar un traxe, o unha fervenza de puntillas para facer unha mantilla, ou embelecer un mantel, a min, persoalmente, paréceme cousa de bruxas, pero bruxas boas das que se converten en fadas madriñas que axudan as nenas a ter un bonito vestido para ir unha festa.
Claro que agora habería que avisar moi ben a nena sobre os falsos príncipes, que son altos e guapos e teñen ollos azuis, pero as veces convértense en rás, en vez de facer o proceso ó revés que é como nos contaban o conto cando éramos cativas.
Claro que esquecíame que o misterio está nas mans. Mans grandes e pequenas, finas ou grosas, que veñen de traballar no campo ou na oficina, de dar de comer un neno ou limpar a casa, que se moven nun baile intricado e áxil ó son da música dos pauciños e son quen de converter a nada nunha agarimosa e doce melodía de flores, follas e paxariños.
O que fan as palilleiras, é a expresión dun verbo que parecería reservado os deuses: CREAR. Porque as súas obras son grandes ou pequenas creacións que contribúen a facer a vida máis doada e agradable ós que as disfroitamos.
E para facer algo tan inmenso como crear hai que ter unhas condicións moi especiais, hai que ter bondade, fermosura, unhas pingas de inxenuidade, unhas pequenas doses de malicia, uns cantos ferrados de agarimo, moreas de ilusión, unhas migallas de picardía e carros enteiros de esperanza. Con todo iso e algo máis que, seguramente se me esquece, é posible poñer neste mundo, cada vez máis difícil e desagradable, algo tan sublime como os encaixes que saen das mans das palilleiras. Só así se pode converter un humilde pano nun suntuoso mantel ou unha sinxela tela nun elegante vestido.
Nestes tempos, quizais habería que volver as cousas sinxelas da vida, non só por necesidade económica, que tamén, senón porque cando a dignidade, a honestidade, a bonhomía están polo chan, non queda máis que fornecer a autoestima do traballo propio para non rematar sentíndose absolutamente parvo e enganado.
8.02.2013