Tribuna Viva
A memoria histórica máis alá de Javier Puig Llamas
É de agradecer que se poidan ler nos xornais locais artigos de opinión e comentarios arredor da proposta de sustitución do nome de Javier Puig Llamas do nomenclátor da cidade. Coido que a polémica que se xerou, e en particular é iso o que é de agradecer, da pé por un debate algo máis amplo a propósito do tratamento da memoria histórica e o papel que teñen as institucións.
Na maioría de textos aos que tiven acceso, favorables case todos ao mantemento do nome actual da rúa, aprécianse referencias á Lei de Memoria Histórica. Fálase dunha interpretación arbitraria da lei para o caso que nos ocupa, dun "entendimiento sesgado y torcido de su artículo 15" e incluso de "los excesos de la Memoria Histórica". Máis alá da vertente xurídica que amosa o debate, por dicilo dalgún xeito, nos artigos hai apelacións ao "espíritu de concordia y reconciliación" e a "convivencia pacífica" como fundamento para manter o nome de Javier Puig Llamas no nomenclátor. Cómpre escapar da figura de Javier Puig Llamas para tentar abordar o que pode ser a raíz dos problemas que xorden cando tratamos de recuperar a memoria histórica e dignificar as vítimas da guerra e do franquismo.
A Lei de Memoria Histórica, é certo, é unha lei escasa. E non só en canto ao seu articulado, o cal, tamén é certo, deixa unha marxe de interpretación un tanto aberta. É escasa porque é incapaz de abordar, por si soa, a dimensión completa do que supuxo a Guerra Civil e o réxime franquista. Representa unha honrosa excepción lexislativa a través da cal se poideron desenvolver reais decretos, instrucións e disposicións accesorias para o cumprimento das súas disposicións. É, tamén, unha lei que vai "a contracorrente". Abre posibilidades, efectivamente. Pero estas posibilidades adoitan colisionar coa actitude indolente que adoitou amosar o Estado, e en especial o Partido Popular como forza política, en relación coa memoria histórica. Hai moitos anos que está a pasar iso.
Pablo Geiff, como relator especial de Nacións Unidas, alertou "de la gran distancia entre las posiciones de las instituciones del Estado y las víctimas y asociaciones" no Informe do Relator Especial sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e os garantes de non repetición de 2014. Advertía que nos contactos que tivo con representantes do Goberno español as discusións enmarcábanse no seguinte esquema: "o todos concluimos que ya estamos totalmente reconciliados o la única alternativa es el resurgir de odios subyacentes, lo cual implicaría un riesgo demasiado alto". Diante disto, o relator especial de Nacións Unidas foi taxativo: "considerando la fortaleza de las instituciones y la ausencia de riesgos para la estabilidad del orden democrático, resulta especialmente sorprendente observar que no se haya hecho más en favor de los derechos de tantas víctimas".
Durante demasiado tempo, a Lei de Amnistía do ano 1977 serviu ao Partido Popular e a parte da xudicatura como escudo para non investigar os crimes cometidos baixo o réxime franquista e durante a Transición, para impedir a apertura de procedementos penais contra violadores dos dereitos humanos e para esquivar a obriga democrática das institucións de artellar comisións da verdade a nivel estatal. Esa mesma lei, paradoxos da vida, recibiu abstencións e votos en contra dunha Alianza Popular que non quería liberar os presos políticos. Antonio Carro, deputado de AP, consideraba no preconstitucional Congreso dos Deputados que "una democracia responsable no puede estar amnistiando continuamente a sus destructores". Para evitar a saída de presos políticos do cárcere votaron en contra da lei. Para evitar investigar os crimes de guerra e delitos de lesa humanidade do franquismo mantéñena. As conclusións que as saque cada un.
Máis de 130.000 persoas desaparecidas, unhas 2.500 fosas comúns por exhumar, deceas de milleiros de nenas e nenos roubados. Estas son as aproximacións que barallan as asociacións pola memoria histórica. Malia que as múltiples e valiosas iniciativas que se fan e se fixeron, como o proxecto interuniversitario Nomes e Voces, axudan a por luz á represión franquista, sen a implicación decidida das institucións estatais estase a construír unha memoria fragmentada, con dispersión da información e excesivamente dependente do traballo voluntario.
E, volvendo ao caso de Javier Puig Llamas, non quixera xulgar unha persoa da cal descoñezo a súa biografía en profundidade. Si que me gustaría, porén, que se situara a polémica nun contexto axeitado, no que son precisamente as vítimas do franquismo e os seus familiares os que sufriron o desamparo e indefensión. Ás veces, as ideas de concordia e a reconciliación serviron para botar terra por riba do pasado. Non debería de ser así. Pode que esta situación, na que xorde unha polémica pola participación de Javier Puig Llamas na Deputación entre o decembro de 1937 e agosto de 1938, se deba en parte aos anos de abandono que padeceron aqueles que demandan a derogación da Lei de Amnistía e a implantación dunha comisión da verdade de carácter oficial. Isto, sen dúbida, aportaría claridade sobre as vítimas da ditadura, aqueles que sufriron en silencio, os que se viron obrigados a colaborar co réxime, os que o fixeron convencidos, ou sobre as persoas que se lucraron e construíron a fortuna grazas á ditadura.
Bernat Marco, historiador