Tribuna Viva
Incendios forestais, por anovaTerra
Os incendios forestais son e serán froito da carencia de medidas políticas para valorizar o monte galego, por iso é preciso trazar e aplicar programas para favorecer a erradicación dese problema.
1.- As mans incendiarias son moi poucas pero aparecen cando as condicións climáticas son visibles, repetíndose no mesmo espazo e, tomando proporcións de grandes dimensións polos fortes ventos, a baixa humidade e as altas temperaturas.
Segundo os datos dispoñibles (que son os de Medio Rural), máis do 70% dos grandes incendios que levamos estes días comezan onde houbo en datas, meses ou anos anteriores, actividade incendiaria. E é por iso que nos preguntamos –a sabendas do que podía acontecer– que medidas reais se adoptaron?
2.- Tras os lumes do ano 2006, cumpría mudar o futuro da ordenación dos nosos montes, xa que ficara claro onde radicaban os problemas: elevada concentración de biomasa preto de vivendas e núcleos rurais, carencia de descontinuidade das masas pirófitas (eucalipto e piñeiro), anulación das franxas de seguranza que figuraban na Lei de Incendios Forestais cando o PP aproba a nova Lei de Montes, incumprimento por parte de concellos e Xunta de Galiza das distancias de seguranza nas marxes das vías de comunicación,…
3.- As subvencións e axudas da Xunta de Galiza –que veñen a maior porcentaxe vía Europa para a posta en valor dos montes– destínanse a dar cartos para traballos chamados de prevención e de extinción de incendios forestais. Dende o ano 1990 xa se distribuíron máis de 5.000 millóns de euros, mais ante isto xorden varias cuestións: onde e en que están investidos?, cales son os verdadeiros resultados?, que di a Unión Europea ao respecto?
4.- A Xunta reparte "o pastel"dos lumes forestais en diversas porcións que van derivar en empresas privadas (SEAGA e TRAGSA, entre outras) concellos, aeronaves, exercito,… Todas estas institucións cobran, pero quen é capaz de coordinar tanta concorrencia? Son estes os resultados? Como se pode garantir a eficacia?
5.- Dende o ano 1990 (agás o período bipartito) a Xunta de Galiza mantén o mesmo equipo directivo para a xestión do monte galego. Auténticos servidores das empresas de trituración. Cargáronse o Plano Forestal consensuado no 1992, e non foron quen de artellar recentemente outro obviando a interlocución social (imprescindíbel para resolver este problema de primeira magnitude no país galego).
6.- Certo é que debemos perseguir e castigar aos incendiarios, pero certo é tamén que a carencia de planos educativos, de sensibilización, de interlocución cos axentes sociais, de programas de desenvolvemento rural, de asesoramento aos propietarios dos montes tanto particulares como veciñais en man común, é unha eiva da que nunca se preocupou a Xunta de Galiza.
7.- Diante de tanta desfeita, só cabe a destitución fulminante dos responsábeis da política de intereses do Partido Popular. Todos os conselleiros/as do Medio Rural deste partido son colaboradores da desfeita do mundo rural, dos nosos montes, do agro, do abandono,... Velaquí están os resultados, estes e outros (que agora non veñen ao caso expoñer). Alén disto, hai quen saca proveito da situación, porque do abandono alguén se beneficia, ou non?
8.- Revisemos a campaña dos lumes do PP. Lembramos todos e todas a Conselleira e Director Xeral informando de 7.000 efectivos, de tantos helicópteros, de tantos hidroavións, da UME, da Vixilancia Militar disuasoria,... Porén, saben que dos 7.000 chamados efectivos tan só uns 1.800 teñen a cualificación necesaria para intervir con garantías nos incendios forestais? Por que? Pois porque o restante persoal é contratado unicamente por 3 meses –polas empresas nomeadas anteriormente– sen a formación necesaria. Saben a que risco estamos sometendo a esas persoas? Existe unha verdadeira responsabilidade? Actúase conciencia humana ao permitir que isto aconteza?
9.- A poboación debe de comezar a se preocupar en serio por esta situación. Ou mudamos de enfoque para o futuro dos montes e do mundo rural, ou imos a laméntalo, desgraciadamente de forma tráxica.
anovaTerra
(Grupo de Traballo de anova-IN, para a defensa do territorio)