Teresa Casal
As listas
Cando era unha moza recén casada, facía listas para distribuír os gastos do mes. Tanto para o aluguer, tanto para comida, tanto para luz, gas, teléfono, tanto para roupa, e procuraba deixar algo para cear algún día fora, ir o cine ou algunha pequena diversión. Metía eses "tantos" cada un nun sobre e de alí ía sacando para atender as necesidades escritas no propio sobre.
Agora fago a lista do supermercado, dos outros gastos encárgase o banco e vaime pasando nota dos pagos realizados.
Teño feito moitas lista na miña vida. Das cousas precisas para un viaxe, de agasallos para os nenos polos Reis, de traballos que teño que facer por orden de prioridade, de persoas as que quero felicitar polo Nadal, por facer ata teño feito listas electorais.
Mais as listas das que hoxe fala todo o mundo, non teñen nada que ver con estas outras cotiáns que todos facemos e fixemos nalgún intre da nosa vida. Hoxe fálase de listas de ignominia, de desvergonza, de aproveitamento, de desprezo absoluto polos demais, de prepotencia. Listas de raterismo, de favoritismo, de chantaxismo. Listas innobres, rastrexas, indignas, merdentas.
Por suposto, o principio de presunción de inocencia hai que respetarlo, pero eu pregúntome: para que se facían esas listas? Si responden a feitos certos, malo, moi malo, si se facían para chantaxear os alí nomeados, peor. Mírese por onde se mire, o resultado é o mesmo. E mentres o común dos mortais sentíndose enganado e perdido, sen saber a quen recorrer.
Fai falla unha revolución pero quen a vai facer?
As verbas resultan vacuas ante un pobo descrido e escarmentado que xa non cree en nada nin en ninguén, temos que recuperar a forza das verbas sinceiras, é preciso que todos quedemos espidos, que botemos fora toda a mentira e o engano, a ambición desmedida e o egoísmo. Que actúe a Xustiza e que se inhabilite taxantemente a todos e todas as que incumpran a lei, os que deturpen a verdade e, ademais, que non se lles indulte despois.
Hoxe moita xente se está a acordar de Pepe Isbert na célebre película de Berlanga: "Os debo una explicación y, como alcalde vuestro que soy, os la voy a pagar". A min viñéronme a memoria agora que estou a escoitar a Sra. De Cospedal, só que ela parece que non se sinte obrigada a explicar nada, só desminte todo e repite moito o nome do seu partido. Eu só lle diría unha cousa os feitos dos dous anteriores tesoureiros do PP, non son moi exemplarizantes, que pasa? Que a actual tesoureira é Santa Teresa de Calcuta?.
1.02.2013