Manuel Pérez Lourido
Un cartel na parede
Un cartel pola rúa. Na parede. Un cartel antiEnce, como outro calquera. Vale, como outro calquera non. Este cartel fíxome sentar, aínda que xa estaba sentado. Quero dicir: eu tomaba un xeado sentado cando ollei o cartel e púxeme a ler e quedei tan abraiado que me sentei outra vez, redundantemente. A pensar.
"Móvete pola ría". Parecía unha mensaxe de recrutamento para narcos en potencia. A min pareceumo. Non dicía por que lado da ría te invitaba a mover. Ese tipo de carteis nunca especifican esas cousas. Neses misterios agochan o seu encanto. Era un reclamo andróxino, é dicir, ambiguo, é dicir: xa me entenden.
"Saneamento integral". Claro, é o que está de moda. O saudable, o integral, o san e integral. Non dicía nada dos vertidos das vivendas: iso quedaba para que o dixera eu, por joder. Queremos que a ría sexa coma o pan de molde, coma os mellores cereais; unha ría con augas puras como se tivesen millo, avea, centeo, quinoa... pero sen botarlle man á merda que lle botamos nós á ría todos os días.
Ence coma o chivo expiatorio das nosas cagadas de cada día (as reais e as figuradas), da merda que tiramos da nosa roupa cada día, da que nos sacamos de riba con xabón e xampú.
"Ence fóra da ría para sempre". Maxistral. Unha declaración de odio inmellorable, xa que é unha declaración de amor (para sempre) pero á inversa. Fóra para sempre, non vaia ser que regrese un día.
Podemos imaxinalo, coma nun tráiler dunha peli do novo cinema galego. Do negro a fundido cun paisaxe estival cheo de coloríns. Mentres nos bañamos na recuperada praia dos Praceres, unhas horas antes de acudir ao "Surfing the Ría" o novo festival que acolle a ultimísima zona de lecer, diante dos nosos fociños emerxe das augas da ría a espantosa mole da fábrica, comezando polas chemineas, coma un Jason calquera na peli de Venres 13 saíndo do fondo do lago. Música de violíns desafinados, movementos bruscos da cámara, rostros desencaixados en primeirísimo plano que funden a negro.
Eu estou tan en contra de Ence coma calquera, sobre todo os venres, que teño o finde por diante e mais tempo para pensar. A contaminación da noxo e a maneira de renovarlle a prórroga aínda máis. Estou tan en contra coma a favor de carteis coma este, que colgan das paredes para amosarte un mundo descoñecido onde a poesía se mestura co desexo, o paradoxo cos equívocos, a hipérbole coa maxia. Pero a guinda do pastel quedaba para o remate, non como nos pasteis clásicos, que levan a guinda á vista, éche ata o primeiro no que te fixas e acaba sendo o primeiro que atacas. Ata niso este cartel tiña vocación de alternativo.
"Non a eucaliptización". Yes, we can. "Eucaliptización". Vale, somos moi de parir verbos forzando substantivos, aínda que sexan substantivos de catro sílabas, e tamén de infartar empregados de artes gráficas cos encargos.... pero "eucaliptizar". Sexamos serios.
Nunca un cartel dera para me entreter tanto, liña a liña.