Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935'
Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 é unha serie de artigos da anarquista catalá Federica Montseny, froito da xira de conferencias que realizou pola nosa terra en decembro dese ano.
Federica Montseny nun mitin en Montjuïc en 1977
A xira foi organizada pola Confederación Rexional Galaica da CNT, e nas charlas participaron tamén Jaime Baella e Claro José Sendón, por entón membros da directiva. Os mitins tiveron lugar en Betanzos, o Teatro Jofre de Ferrol, Cariño, Santiago de Compostela, o Teatro Rosalía de Castro e o cine Doré da Coruña, Carballo, Lugo e en Ourense na apertura do Pleno Rexional.
No libro Monsteny dá conta das súas peripecias e anécdotas (aloxamento, xantares, transporte) pero tamén explica a propia militancia anarcosindicalista da Confederación Nacional do Traballo, como cando fala das mulleres traballadoras nas fábricas da Coruña. Xa que logo, os artigos serven para coñecer de primeira man a sociedade galega do momento, coa súa precariedade laboral, a carencia de infraestruturas e os problemas coas institucións gubernamentais á hora de organizar eventos.
Os seis artigos apareceron publicados orixinariamente en La Revista Blanca, publicación quincenal creada polo pai e a nai de Federica. A revista, de clara orientación anarquista, contou na súa primeira etapa coa colaboración de autores como Clarín, Miguel de Unamuno, Giner de los Ríos ou o vigués Ricardo Mella.
En relación con este texto está o libro Falando Claro (Ed. Alvarellos, 2014), unha biografía de Claro José Sendón escrita polo seu sobriño neto, Pepe Sendón. Claro Sendón, natural de Muros, estivo emigrado na Arxentina, e en decembro de 1935 traballaba nas minas de San Fins, en Lousame. Aínda que é imposible corroboralo, ao parecer durante a xira puidera ter unha relación con Federica Montseny. Se ben a catalá por entón xa tiña unha filla con Germinal Esgleas, cómpre ter en conta que nesa época o anarcofeminismo apoiaba o amor libre, polo que non é descartable.
Esta edición en galego foi publicada en 2011 por Editorial Trifolium, con tradución de Enrique Sánchez Rodríguez. O libro incluíuse na colección Fume de Leña, que abrangue varios relatos de viaxes e estancias en Galiza de xente estranxeira. O texto vai precedido dun introdución do historiador ferrolán Eliseo Fernández, gran coñecedor do movemento libertario galego. O volume inclúe na portada unha ilustración da artista coruñesa Ánxela Pérez Meilán, e no interior aparecen varias fotografías e imaxes da época, como un retrato da propia Federica ou periódicos e carteis dando conta dos mitins.
Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935 (Editorial Trifolium, 2011)
84 páxinas. ISBN 9788493866907