Tribuna Viva
Carta polo pasamento de Dona María del Carmen Durán Torrado
Entérome por unha amiga da infancia que me escribe desde Londres do pasamento de Dona María del Carmen Durán Torrado. Eu, nos Estados Unidos. É estrano como a sorpresa, a dor e a memoria nos unen e nos aferran xuntos a pesares dos quilómetros.
Para moitos nenos e nenas de Pontevedra, coñecida nesa linguaxe coloquial co que lle poñemos alcumes aos profesores como "La Balea", por sela muller de Don Elisardo Balea, quizais a parella de profesores máis popular da cidade, ou polo menos entre xeracións de nenos e nenas que acudimos ao Colexio de Campolongo e a o Instituto Sánchez Cantón.
Dona María del Carmen foi moito máis que unha profesora para un grupo de nenos nados en 1985, que entramos na súa tutela en quinto de primaria, cando non tiñamos máis de 10 anos. O grupo C. De quinto de primeria ate xa o instituto, ela sería a nosa tutora, a nosa profesora de lingua castelá e doutras materias, e a muller á que vimos batallar con algún problema interno no colexio e que se convertiría, inequívocamente, no noso referente moral.
Lembro as súas historias sobre a súa primeira vez coma mestra, dando clase a un grupiño de monxas que ao final do curso xuntaran uns aforriños para facerlle un regalo humilde. De Dona María del Carmen aprendín o amor pola literatura e principalmente pola poesía: Juan Ramón Jiménez, Antonio Machado, e por suposto, Federico García Lorca. Dona María del Carmen contaxiaba aos nenos e nenas un inquebrantable amor pola cultura, sexa cal fose o seu idioma, pola palabra escrita e a calidade da linguaxe. Lembro agora a súa caligrafía pluscuamperfecta, clásica, preciosista, que eu nunca conseguín ter e que sempre me fascinaba cando escribía un enunciado no encerado.
Sirva o seu exemplo para reclamar unha educación pública de calidade, de excelencia, á altura de profesores coma Dona María del Carmen Durán Torrado, profesores de vocación, apaixoados do que fan, absolutos exemplos de integridade nas aulas para que os nenos e nenas aprendan non só contidos, se non formas de afrontala vida en tódolos seus aspectos.
Esquecemos moi fácilmente que nas aulas se conforma a nosa intelixencia emocional aparte dos nosos coñecementos, e que só profesores, MESTRES con maiúsculas poden afrontar tal responsabilidade.
A influencia luminosa de Dona María del Carmen en min será para sempre, e aquí a miles de quilómetros, sei ben que iso mesmo sinten a maioría dos nenos e nenas que tivemos a sorte de cruzarnos con ela.
Ese grupo C eterno queda hoxe orfo, como tantos outros, e nos unimos, a pesares da distancia, nun abrazo cheo de admiración á súa familia e especialmente ao profesor Don Elisardo. Para sempre na nosa memoria. DESCANSE EN PAZ, MESTRA QUERIDA.
Fátima Peón Torres