Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'A morte de Valle Inclán. O último esperpento'
A morte de Valle-Inclán. O último esperpento trata os últimos meses do autor arousán, desde a súa chegada a Compostela en marzo de 1935 até a súa morte o 5 de xaneiro de 1936 e o posterior enterro no cemiterio de Boisaca. O libro, obra de Carlos G. Reigosa, Javier del Valle-Inclán e José Monleón, fala tamén da viúva Josefina Blanco, e dos seus intentos por honrar a súa memoria, por conseguir unha pensión para coidar dos seus e por lograr que a obra do autor saíse á luz en edicións coidadas.
A introdución de José Monleón céntrase no aspecto literario de Valle-Inclán en relación cos seus contextos vitais. Reafirma a súa absoluta liberdade á hora de escribir, enfrontándose ás correntes triunfadoras por entón no teatro (o romanticismo e o cómico), á burguesía e aos promotores teatrais, e sen rebaixarse para gustar a un público ignorante. A modernidade creativa sería un hándicap até a década de 1970, cando se comezou a rescatar a súa obra non sen a oposición do tardofranquismo.
Javier del Valle-Inclán, neto de Ramón María, fala dos últimos dez meses de vida do autor. A estan-cia en Compostela débese ao tratamento dun cancro de vexiga na clínica de Manuel Villar Iglesias. Neses meses fai vida social na capital galega, con paseos pola alameda e conversas no bar Derby coas súas amizades. Valle-Inclán viviu Compostela, cidade á que se refire como caverna, e refírese á Universidade como caverna e pantano (a mesma institución fora criticada xa no século anterior por Domingo Fontán por endogámica). Tamén aproveita para manter correspondencia -entre outros con Manuel Azaña- e para facer varias excursións, como a que o levou no mes de outubro a Ourense, onde estivo con Otero Pedrayo.
Carlos G. Reigosa culmina a obra falándonos da morte de Valle-Inclán, que tivo lugar -non o esquezamos- mes e medio antes da vitoria da Fronte Popular nas eleccións para elixir novo goberno da república. Na sociedade había un sentimento latente de confrontación. Neste contexto, a morte de Valle-Inclán supuxo certa polémica pola súa negativa a se confesar e recibir un sacerdote. Trala defunción, achegáronse a Compostela numerosas persoas chegadas de toda Galicia, pero a forte choiva provocou que moitos quedasen nas tabernas da zona vella.
Na comitiva cara á Boisaca participou de forma activa o Partido Galeguista, e o propio Castelao foi un dos que levou o féretro. Como non podía ser doutro modo, houbo tamén unha anécdota esperpéntica: un home alcumado "O Nécoras" botouse á caixa de madeira para lle retirar un crucifixo, coa mala sorte de caer na tumba sobre o ataúde.
O libro compleméntase con numerosas fotografías de Valle-Inclán en diversos momentos da súa vida, así como doutros personaxes relacionados con el. Aparecen tamén os debuxos que Carlos Maside fixo no seu leito de morte.
O libro aparecera xa en castelán en 2008 por Ézaro Ediciones, mais nesta nova edición inclúe varias novidades. Unha delas é a crítica fonda á obra La espada y la palabra, Vida de Valle-Inclán (Tus-quets, 2015), biografía coa que o seu autor, Manuel Alberca, acadou o Premio Comillas. As críticas baséanse polo tratamento que se fai nese texto de Valle-Inclán como un home tradicionalista e carlista e pola negación que se fai da relación de Valle co galeguismo.
Neste 2016 cúmprense 80 anos da morte de Valle-Inclán, o que significa que a partir do 1 de xaneiro de 2017 os seus textos estarán en dominio público, ao caducar os dereitos de autoría. Isto permitirá non só a aparición de novas edicións, senón tamén a tradución ao galego, vasco e catalán e a representación das súas obras nestas linguas, algo ao que até o momento se negou parte da familia.
© Edicións Xerais.
A morte de Valle-Inclán. O último esperpento (Edicións Xerais, 2016)
144 páxinas. ISBN 9788499149639