Manuel Pérez Lourido
Aerotrópolis en London
O alcalde de London disque está a poñer en pe un proxecto para construir un superaeroporto no estuario do Thames, que é como o Lérez pero en versión londinense. O alcalde de London chámase Boris, que eiquí é nome de can, de showman venezolano ou de Boris Vian, o escritor francés coñecido por colaborar post morten con La Unión para o seu hit do lobishome en París. Claro que se cadra beberon (bueno, que beberon échevos seguro) doutro hit de Warren Zevon sobre o mesmo mito, "Wherewolves of London" (1978), co que volveríamos a London. Volvamos. O Boris alcalde da capital inglesa, Johnson de apelido, quere facer unha cidade-aeroporto para 20.000 persoas, con campus universitario, hospital e unha infraestrutura que integre vivendas, colexios, comercios, parques e redes de transporte. "Aerotropolis" vaille chamar. Veulle a inspiración despois dunha visita a Hyderaba, na India, onde o aeroporto Rajiv Gandhi, de capital mixto e aínda en período de expansión, parte deste mesmo concepto con máis modestas pretensións. Por algo leva o nome de Gandhi, claro, senón chamaríanlle Rockefeller. O caso é que o visionario alcalde londinense (o de visionario só o digo porque ve cousas por aí adiante, a outra acepción está por demostrar) porá en mans do capital privado a financiación deste proxecto. Se tivese que ser pública, a financiación alcanzaría para un hangar e pouco máis, supoñemos.
Nestes tempos convulsos nos que está a xente que manexa os cartos a quedar co cú ao aire un día sí e outro tamén, mentras os pedestres comemos as gañas de estrangulalos por cobizosos, cínicos e abusóns, é dicir, de estrangulalos tres veces en cadansúa parte do corpo (as dúas que todos pensamos e unha terceira de libre imaxinación), fan falla persoeiros coma este Boris Grushenko, que nos alegre o día (sempre que non se convirta esta idea na da súa derradeira noite), este Boris Pasternak, que escriba o futuro dunha cidade feita parque de atracións, este alcalde de London con pinta de Boris Becker, pelo rubiño e lacio, nariz poderosa, e xa sería unha marabilla se ademáis de chegar a bo porto co aeroporto, o fai sen engordar as arcas propias, un costume inveterado e recalcitrante en territorios moito máis ao sur do propio London.
25.01.2013