Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'Kallocaína'
Kallocaína é unha novela distópica da escritora sueca Karin Boye. Publicada en 1940, é unha obra de ciencia ficción que describe un futuro antiutópico, nun réxime totalitario de Estado Mundial.
Kallocaína foi publicada en pleno apoxeo do nacionalsocialismo alemán, e naceu logo das viaxes da autora á Unión Soviética, a Grecia e á propia Alemaña.
Leo Kall traballa como químico, e desenvolve un soro da verdade. Kall é un científico leal ao sistema político, baseado na desconfianza e o medo. A droga, á que dá nome, provoca que as persoas revelen calquera información, mesmo os pensamentos dos cales non son conscientes. O uso da droga da verdade para subordinar o individuo ao Estado aparecera xa en 1932 na obra de Aldous Huxley Un feliz mundo novo. Respecto ao tratamento da individualidade nun estado totalitario, a autora anticípase a 1984 de George Orwell e a Farenheit 451 de Ray Bradbury. Enmárcase, xa que logo, nun grupo de obras de ciencia ficción crítica.
No Estado Mundial desaparece calquera referencia xeográfica. A obra desenvólvese principalmente no laboratorio do protagonista, pero tamén ten grande importancia o seu domicilio. Kall vive coa súa muller, Linda. Un dos aspectos tratados no texto son as relacións e conexións entre os distintos personaxes, especialmente a relación de parella e os sentimentos de celos, en paralelo ás suspicacias nun contexto social baseado no servilismo. Tamén aparece tratado o papel da familia e a educación enfocada a uns intereses servilistas.
CC 3.0 Editorial Hugin e Munin
O texto, sen grandes descricións nin requintes estilísticos, ten oco algunha pasaxe poética que recorda o célebre monólogo do replicante Roy Batty en Blade Runner, filme por certo baseado na novela de Philip K. Dick Do Androids Dream of Electric Sheep? (soñan os androides con ovellas eléctricas?).
É moi interesante realizar unha análise da obra desde a perspectiva de xénero. O relato está escrito en primeira persoa polo propio Leo Kall en forma de memorias desde o seu cativerio, como explica na introdución. Porén, ten moito peso na obra o papel e o pensamento de Linda, analizando o papel da muller nun réxime ditatorial. Ao respecto, cómpre coñecer a traxectoria vital da autora, de grande compromiso social e político e vinculada ao movemento socialista e pacifista. KarinBoye loitou sempre por vivir en liberdade. Pasou por unha crise relixiosa e mantivo unha relación homosexual logo de se divorciar do seu home, e ao cabo suicidouse en 1941 cunha sobredose de somníferos.
A tradución ao galego correu a cargo de Marta Dahlgren, profesora de sueco na Escola de Idiomas de Vigo, quen xa traducira Mel de abellón de Torgny Lindgren.
Kallocaína (Editorial Hugin e Munin, 2015)
188 páxinas. ISBN: 9788494323041