Patricia Vilán
11 de xaneiro, fin do mundo
O 11 de xaneiro, despois dun domingo insólito de investidura, coñecíamos que Junts pel Sí e a CUP daban forma á súa “idea” de levar a Cataluña á independencia.
Quizais non é necesario explicar que esta a súa “idea” sitúa a Cataluña fóra da lei, fóra da nosa Lei Suprema, é decir, fóra da Constitución de 1978. Quizais non é necesario explicar que esta ten mecanismos propios (por tanto, legais) para a súa reforma. Quizais non é necesario explicar que esa Constitución tivo que inventar as Comunidades Autónomas, como paso previo ao Estado Federal que daba medo en 1978. Quizais nin é necesario lembrar que Miquel Roca (de Convergència) fora un dos pais que a fixo nacer.
O 11 de xaneiro, a só 255 Km. de Mediterráneo de distancia, a filla dun Rei e a irmá doutro Rei, o de España, sentaba no banco dos acusados para ser xulgada como cooperadora necesaria de dous delitos fiscais presuntamente cometidos polo seu home. Nunca tal cousa se imaxinara e moito menos se vira, tan hierática na última fila nun banco dos acusados.
Quizais si é necesario explicar que hai unha Infanta de España acusada de cooperadora necesaria, que é o mesmo que ser acusada como autora do delito e que é así chamada porque sen a súa axuda (necesaria) o delito non se podería ter cometido. E todo sen mover unha pestana dos dereitos dinásticos.
O 11 de xaneiro morría un dos artistas mais grandes e polifacéticos que ten dado o século XX, morría David Bowie, un home preocupado pola Arte durante toda a súa vida. Un home curioso, en constante evolución, cun pánico a voar que lle fixo ser un pouco “Willy Fog”, orixinal, osado, xeneroso, educado, elegante, cun exquisito respecto polos demais e que, para rematar, bailaba divinamente.
Serei unha mais ao decir que morría un xenio que non será sinxelo repetir, que deixa un oco que veremos quen e cando se poderá encher.
Onte, 11 de xaneiro de 2016, semellaba o fin do mundo. Mais o mundo segue, cunha Cataluña despreocupada das persoas, cun xuizo á que segue a ser irmá dun Rei e cun valeiro na Cultura universal. Un mundo, non sei si peor, pero seguro que si distinto.