Teresa Casal
Chavela Vargas
Este ano que por fin rematou, levouse con el a moitas persoas, insignes algunhas, descoñecidas a maioría, xentes que ocuparon boa parte da historia de este pais, como Fraga e Carrillo e, ultimamente a gran mágoa de perder a Ceferino Díaz, pero eu da que quero falar é de Chavela Vargas.
Eu descubrín a Chavela coa súa voz xa rota, cascada, despellexada, doente e cansa. Entusiameime co sentimento que botaba fora de si, non escoitara nunca lamentos tan amargos ni queixidos tan sublimes, sempre cun único e exclusivo causante o amor. O amor que chega de pronto e deslumbra e o amor que se esvaece e o amor que te deixa aplastada contra o chan cando fuxe de repente e sen aviso.
So unha muller que ten vivido a fondo pode transmitir dese xeito a súa anguria e a súa ledicia, o entusiamo e a desesperación e facerte sentir, o escoitala, que a vida é todo iso, e todo iso vaite convirtindo no que o final eres. Só unha muller que tocou fondo e foi quen de erguerse e comezar de novo moitas veces, garda tanto dentro de si mesma e entrégao xenerosa e libremente os demais.
Estes días escoitei cancións de Chavela de cando era nova, a súa voz limpa e clara, senón fora unha redundancia, diría que cantariña, pero non é o mesmo, a música e a letra si o son, pero non o resultado, penso que é como eses viños que no primeiro ano resultan agradables, frutais, golosos, pero cando adquiren o seu verdadeiro valor é cando pasou sobre eles o tempo e a madeira, e as voltas que o viñador deu centos de veces a botella que os contén. Entón o sabor é rotundo, os aromas envolventes e un grolo dáche calor e alégrate o día.
Chavela morreu con noventa e tres anos, pouco antes estivera en España e cantou por última vez, seguramente a súa vida non é un exemplo para algunhas xentes, case sempre miopes e duros de corazón, pero eu penso que a valentía non é non ter medo, senón sentilo e ser quen de superalo, e tamén a vida non é exemplar por non caer, senón por facelo moitas veces e saír do burato a forza de tesón e vontade. Unha muller que confesa os oitenta anos que é lesbiana tivo que sufrir moito nun mundo intransixente cos diferentes, como ela dicía nas súas cancións, bebeuse todo o tequila da terra pero despois, arrancouse por rancheras e boleros e endulzóu moitas tardes e moitas noites a xente de todo o mundo.
Por iso eu quédome con esta Chavela, a que foi libre a pesares dos ortodoxos, a que bebeu a vida a grolos, e foi rebelde, e gritou con toda a forza o seu dor e a súa ledicia, a que amou e foi amada, a que padeceu o desamor e chorou a mares e todo nolo cantou coa súa voz ronca e desgastada pola propia vida.
4.01.2013